A vindeira semana aboaranse 14,3 millóns das axudas agroambientais e de agricultura ecolóxica a 3.670 produtores galegos

06/05/2022 11:52 a.m.

Un total de 3.670 persoas beneficiáronse en Galicia das axudas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica correspondentes á campaña de 2021 da Política Agrícola Común (PAC), que suman máis de 14,3 millóns de euros.

Así, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo pagador dependente da Consellería do Medio Rural, vén de realizar as correspondentes transferencias para que os gandeiros e agricultores poidan recibir os pagos ao longo da semana que vén.

Destes 14,3 millóns de euros, algo máis de 12,3 millóns correspóndense ás axudas de agroambiente e clima, que benefician a 3.434 agricultores e gandeiros. En canto ás axudas de agricultura ecolóxica, o importe ascende a máis de 1,9 millóns de euros para beneficiar a 236 produtores.

A convocatoria destas subvencións publicárase no mes de xaneiro de 2021 a través dunha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se regulaba a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, no marco da PAC.

Etiquetado
Ir a la portada