Leite

A Unión Europea lidera o incremento das exportacións de produtos lácteos

Loading ad.
Ad could not be loaded.
26/07/2016 8:24 a.m.

China e os principais países importadores de produtos lácteos están recuperando a demanda, sobre todo de queixo e de manteiga, e a Unión Europea consolídase coma a que máis incrementa as exportacións a nivel mundial. Así se recolle no último informe do Observatorio do Mercado Lácteo, publicado este luns pola Comisión Europea.

En concreto, de xaneiro a maio deste ano, e comparado co mesmo período de 2015, as importacións chinas de manteiga medraron un 34%, as de queixo un 24%, as de leite en po enteira un 20% e as de leite en po desnatado un 9%. Ademais de en China, rexístrase tamén un importante incremento das importacións de produtos lácteos en países como Rusia, cun incremento das compras de manteiga ao exterior dun 37% e dun 21% en queixos; México, con incrementos nas importacións de manteiga dun 26% entre xaneiro e maio, así como queixo, un 12% máis ou leite en po desnatada, cunha suba do 13%. En Estados Unidos tamén están a tirar con forza as importacións de manteiga, cun incremento do 47% nos catro primeiros meses do ano, ou de queixo, cunha suba do 20%.

¿E quen está a satisfacer este incremento das importacións mundiais de produtos lácteos? Sobre todo a Unión Europea, debido aos baixos prezos que soportan os seus gandeiros e á sobreprodución de determinados países tras a fin do sistema de cotas.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Así, entre xaneiro e maio de 2016 as exportacións da Unión Europea medraron un 39% en manteiga e un 15% en queixo. No caso do leite en po enteiro tamén subiron as vendas extracomunitarias un 3% con respecto ao mesmo período do ano pasado, mentres que as exportacións de leite en po desnatado caeron un 12%.

O forte incremento das exportacións da UE de queixos e manteiga, entre os produtos que máis están a ser demandados polos países importadores, contrasta co comportamento máis moderado das vendas ao exterior de Nova Zelanda e Estados Unidos, os principais competidores da UE nos mercados lácteos mundiais.

Así se pon de manifesto na seguinte gráfica:

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada