Leite

A produción de leite sobe en Lugo dende o fin das cotas

O director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, incide na necesidade de prudencia nos aumentos de entregas para evitar a presión dos prezos á baixa

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 05/06/2015 9:13 p.m.

A produción de leite volveu subir na provincia de Lugo por segundo mes consecutivo dende a supresión do sistema de cotas, cun incremento do 3,2% durante o mes de maio no conxunto das 1.700 explotacións lucenses que están no programa de Control Leiteiro, un aumento que se suma ao 1,7% rexistrado en abril, segundo informou Africor.

O director executivo de Africor Lugo, Ramiro Fouz, lamentou que moitas granxas estean, como consecuencia dos baixos prezos do leite, "traballando a perdas" e mostrouse convencido de que se a cotización da materia prima fose máis "equilibrada", as explotacións galegas, en xeral, e as lucenses, en particular, estarían en disposición de seguir incrementando a produción.

A produción medrou un 3,2% en maio e un 1,7% en abril, segundo os datos de Africor Lugo

Loading ad.
Ad could not be loaded.

De feito, os provedores das fábricas que seguen mantendo "prezos equilibrados" son os que están a incrementar a produción, porque a marxe de beneficio segue sendo reducida, en calquera caso, pero "céntimo a céntimo pódese mellorar a economía da explotación".

Segundo o director executivo de Africor, os gandeiros "fixeron os deberes" e nos últimos dez anos souberon adaptar as súas producións ao que lles pide a industria, dado que a porcentaxe de graxa no leite, que non se paga, se reduciu en conxunto en 2,9 décimas, mentres que o de proteína, que si está primado no prezo, aumentou en 2,2 décimas.

Tamén conseguiron, na última década, un incremento do 16% no rendemento medio por animal e están a producir "o que lles demanda a industria".
Non obstante, neste momento, a causa da baixada de prezos, algunhas granxas "xa están pechando" e outras non o fan porque non poden, porque aínda teñen préstamos pendentes de amortizar" e outras obrigas que cumprir.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Prudencia na produción
O aumento de produción que se está a rexistrar no agro levou varias industrias a pedir aos seus produtores contención nas entregas, como é o caso da cooperativa Feiraco. O seu director xeral, José Luis Antuña, que onte asistiu a Lugo a unha xornada de Agaca, incidiu, a preguntas dos medios, na necesidade de prudencia en canto aos volumes de produción. "Se non transmitimos prudencia, a xeración de excedentes preme os prezos á baixos", advertiu.

"En Galicia somos grandes exportadores de cisternas de leite, o que xera custos engadidos e gran presión" (José Luis Antuña)

Antuña incidiu en factores a ter en conta en Galicia para explicar a situación actual de mercado, con problemas de baixos prezos e de dificultades para garantir a recollida nalgúns casos. "En España, a diferenza de Europa, encontrámonos cun sector pouco organizado que non afrontou investimentos necesarios para fabricar produtos lácteos industriais. En Galicia temos ademais a particularidade de que somos grandes exportadores de cisternas de leite (que se transforman fóra da comunidade), o que xera uns custos engadidos e gran presión," valorou.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O director xeral de Feiraco recoñece que a situación global de mercado non é positiva, se ben incidiu en que os baixos prezos que se están a percibir en Galicia en torno a un millar de gandeiros non teñen parangón con outras grandes zonas produtoras: "É certo que por exemplo en Holanda se están a mover cisternas a 18 céntimos, pero son prezos que non chegan ao gandeiro, senón que os asumen as cooperativas, en tanto os gandeiros están a cobrar o leite no ámbito de 28 céntimos", advertiu.

De cara ao futuro, Antuña considera unha boa noticia que no sector lácteo se estean a impulsar novos proxectos industriais en Galicia ou ampliacións dos existentes, ata un total de 20, segundo transcendeu onte tras a reunión entre Consellería e organizacións agrarias, se ben precisou que ademais de ter estrutura industrial hai que ter capacidade de comercialización exterior.

Información elaborada con aportacións de José Luis Ramudo.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada