Leite

A presión sindical obriga a Lactalis a subir en Francia o prezo do leite ata 30 céntimos

A industria acepta pagar a produción de agosto a 28 céntimos, fronte ós 25,7 do contrato vixente, e subirá 0,50 céntimos mensuais ata decembro, en que chegará ós 30 céntimos

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 30/08/2016 2:48 p.m.

Lactalis e os gandeiros franceses chegaron esta mañá a un acordo. A industria gala elevará progresivamente o prezo do leite no campo ata chegar ós 30 céntimos en decembro. O pacto chega despois de que o venres pasado a compañía dese por rotas as negociacións cos produtores e anunciase unitelateralmente unha suba de prezos ata 27,2 céntimos, fronte ós 25,7 actuais. As organizacións agrarias non deron por bo ese anuncio e continuaron coas medidas de presión, o que obrigou a Lactalis a retomar hoxe as negociacións.

O acordo entre as partes foi esta vez inmediato. Lactalis aceptou subir o prezo do leite de agosto ata os 28 céntimos e desde este mes ata final de ano incrementará mensualmente 0,50 céntimos litro no pago ás granxas. Esta decisión supón que os produtores cobrarán o leite os últimos 5 meses do ano a unha media de 29 céntimos, en tanto que en decembro estarán en 30 céntimos.

A cesión de Lactalis ás demandas dos gandeiros chega despois de que os produtores bloqueasen o luns da pasada semana unha factoría da industria en Laval, no oeste francés. Desde entón, a escalada de accións contra a industria foi ascendendo e estes días, nas redes sociais francesas, estaba a convertirse en masiva a campaña de boicot contra os produtos de Lactalis, que en España envasa marcas como President, Puleva ou Lauki.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Situación en Galicia
En Galicia, o sector venlle reclamando tamén a Lactalis nas últimas semanas unha mellora das condicións dos seus contratos. As granxas galegas que traballan coa industria están a cobrar na actualidade arredor de 26 céntimos por litro de prezo base e os contratos que lles presentou a industria marcan unha tendencia á baixa para os próximos meses.

Os produtores reclámanlle ademais a Lactalis arredor de 2 millóns de euros que presuntamente lles está retendo ós gandeiros de xeito irregular. As organizacións agrarias aluden a un acordo ó que chegaron en decembro coas cadeas de distribución para incrementar o prezo do leite e que esa suba repercutise de xeito directo sobre o gandeiro. O problema, din, é que, no caso de Lactalis, os cartos quedáronse no eslabón intermedio entre o supermercado e o gandeiro, a industria.

Ante esta situación, Unións Agrarias ten previsto iniciar en breve unha campaña de boicot contra os produtos da marca francesa.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada