Leite

A OPL apraza as mobilizacións para negociar convocatorias unitarias

O colectivo conversará con outras organizacións do agro para preparar accións conxuntas

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 21/03/2015 11:31 a.m.

A Organización de Productores de Leche (OPL) vén de desconvocar as accións de protesta que tiña previstas este mes en demanda de melloras para o sector lácteo. O colectivo entende que é máis conveniente chegar a acordos con outras organizacións do agro para impulsar convocatorias unitarias, de xeito que se unan os esforzos do sector productor e se reduzan as confrontacións internas.

Días atrás, a OPL convocara de xeito unilateral unha mobilización para este martes 24 ante a Xunta de Galicia, así como unha folga de entregas de leite a partir do 30 de marzo. As organizacións agrarias tradicionais en Galicia –Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego-, que se reuniron esta semana, decidiron desmarcarse desas protestas e lanzarlle un ultimátum ás industrias para que se senten a negociar cos gandeiros e coas organizacións de produtores sobre prezos, volumes de recollida e contratos.

En Galicia, teñen capacidade para actuar como organizacións de produtores Ulega, ligada a Unións Agrarias, Aprolact, de base cooperativa; e a propia OPL, que foi recoñecida recentemente polo Ministerio como organización de produtores, según lembra a propia Organización de Productores de Leche en nota de prensa remitida hoxe.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

De non haber cambios significativos nos próximos días na situación do sector, albíscanse inminentes protestas conxuntas a curto prazo. Tanto a OPL como as restantes organizacións do agro coinciden na importancia da unidade do sector e agárdanse conversas nos próximos días para chegar a posibles convocatorias conxuntas. A OPL, en nota de prensa remitida hoxe, incide na necesidade dun sector produtor forte e unido “ante os abusos de Administracións, industrias e distribución”.

Por último, a OPL tamén lamenta que as outras organizacións agrarias non apoiaran a súa convocatoria de mobilizacións, pero insiste en que para evitar divisións e enfrontamentos no sector, decidiu aprazar as súas accións á espera dunha reunión coas outras organizacións para chegar a convocatorias conxuntas.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada