Carne

“A fabricación de pensos en Galicia é a máis segura de España”

Entrevista a Bruno Beade, director-xerente da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos. Prevé que os prezos dos cereais se manteñan estables este ano e destaca que grazas ao sistema gmp.Galis " somos o sistema con máis seguridade de España na elaboración de pensos".

Loading ad.
Ad could not be loaded.
31/03/2015 1:24 p.m.

Bruno Beade é o director xerente da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (AGAFAC), unha organización que representa a 34 fábricas e ao 85% da produción de pensos compostos de Galicia. Nestes días nos que se fala da necesidade de estruturar o sector agrario galego, AGAFAC contitúe un exemplo de organización do sector mantendo a libre competencia.

A raíz da crise das vacas tolas, "o sector comprendeu que a seguridade alimentaria non é negociable". Así, dende 2005 puxeron en marcha un control sectorial das materias primas que se utilizan na elaboración de pensos, o gmp.Galia, que hoxe en día se está a trasladar a outras Comunidades Autónomas.

Que é AGAFAC?
A Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos é o único representante legal do sector en Galicia. Naceu en 1978 e nestes momentos representamos a 34 fábricas, que supoñen o 85% da produción de pensos compostos da comunidade.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Ademais, a asociación constituíu a sociedade Seguridade Alimentaria do Noroeste S.L.U. que desenvolve "Galicia Alimentos Seguros" ou gmp.Galis, un sistema innovador de control conxunto e sectorial da calidade e a seguridade alimentaria das materias primas utilizadas na alimentación animal de Galicia. Con este sistema representamos 55 fábricas de penso, que supoñen arredor do 96% da produción de pensos compostos de Galicia.

De onde proveñen as materias primas para a alimentación animal?
Galicia e España son deficitarias en materias primas para alimentar a súa extensa cabana gandeira. Iso obríganos a servirnos no mercado internacional. Para os vexetais proteicos (colza, soia e xirasol) abastecémonos fundamentalmente en Estados Unidos, Brasil e Arxentina, ao igual que no millo. Tamén utilizamos cereais de orixe nacional, fundamentalmente de Castela e León.

Dende o 2001 non se pode utilizar proteína animal e para unha alimentación equilibrada da cabana gandeira temos que utilizar proteína vexetal, fundamentalmente soia, que se produce no exterior.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Onde se marcan os prezos dos cereais a nivel mundial?
Fíxaos o mercado a nivel internacional baixo as normas da oferta e a demanda (hai máis demanda a nivel mundial que oferta). Ademais doutros factores económicos, sociais ou feramente especulativos, non somos o único sector que demanda cereais, pois o do bioetanol tamén compite coa alimentación animal.

"O prezo dos cereais tamén o marcan factores especulativos"

A isto temos que unir que as finanzas se fixaron nas commodities, as materias primas agrícolas, como refuxio dos seus investimentos. Co cal o prezo o marca a regulación entre a oferta e a demanda e a dinámica das bolsas, que queren maximizar os beneficios.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

As fábricas de pensos de Galicia o que queremos é a sustentabilidade do gandeiro e as flutuacións dos cereais témolas que trasladar ao resto da cadea, tanto as subas coma as baixadas. O problema é que o gandeiro ten un problema para poder trasladar as subas de custos dos seus produtos á distribución.

Sen embargo, os gandeiros quéixanse de que as subas dos cereais se trasladan de inmediato pero as baixadas tardan moito máis....
A realidade é que Galicia conta con 116 fábricas de penso, un sector maduro e que ten un exceso de capacidade de produción. Con esta grande oferta a competencia no sector lévase ao máximo en canto a prezos.

 "En Galicia hai exceso de capacidade de produción de pensos e a competencia é máxima"

O problema é que as materias primas se compran a longo prazo, por exemplo a soia cómprase a 6 meses e mesmo a un ano, e por iso tardan ás veces en trasladarse as baixadas ao gandeiro.

Cun sector de fabricantes de penso como o que temos en Galicia é imposible que haxa unha competencia irregular, porque sempre vai haber un fabricante que traslade a baixada dos cereais ao cliente e arrastre o resto.

Cales son as previsións de prezos dos cereais para este ano?
Nos últimos dous anos houbo unha baixada de prezos e a previsión é que se manteñan os prezos estables, se ben xa está a haber pequenos repuntes en materias primas proteicas, sobre todo a soia, que son as materias primas que teñen máis oscilacións non obxectivas, debido aos movementos bolsistas.

"Prevese que este ano os prezos dos cereais se manteñan estables"

[caption id="attachment_6440" align="alignleft" width="300"] Un técnico de gmp.Galis realizando unha mostraxe no porto.[/caption]

Poderíase volver producir unha crise como a das vacas tolas?
O risco cero non existe. O importante é que dende o ano 2005 puxemos en marcha un sistema de control conxunto das materias primas que utiliza o sector para fabricar os pensos compostos. É de grande importancia, porque o proceso de fabricación dun penso é tecnolóxicamente sinxelo, pero se unha materia prima chega contaminada o penso sairá mal.

Este sistema, a Galicia Alimentos Seguros (gmp.Galis), fai unha mostraxe selectiva de todas os barcos de cereais e materias primas que chegan a Galicia para fabricar pensos e os analizamos de forma sectorial e conxunta en laboratorios propios e externos. Este sistema representa o 96% dos pensos fabricados en Galicia e conta con persoal nos portos galegos. Ademais, dispoñemos dun sistema de alerta rápida das materias primas que chegan tanto dende o exterior coma do resto de España por se se detectase algunha desviación dos parámetros normais ou lexislados.

"En Galicia temos o sistema máis seguro de España en elaboración de pensos"

É un sistema pioneiro en España que se está a empezar a implantar noutras Comunidades. É a forma máis eficaz de impedir a entrada de materias primas contaminadas na cadea alimentaria e de aumentar a calidade dos nosos pensos. Somos con diferenza o sistema con máis seguridade na elaboración de pensos para nutrición animal de España.

O sector galego entendeu que a seguridade alimentaria non é negociable e por iso puxo en marcha este sistema de control sectorial pioneiro en España. O gandeiro debe saber que en Galicia hai 55 fábricas que lle ofrecen a máxima seguridade alimentaria nos pensos, as que se incorporaron ao programa gmp.Galis, e tamén que hai outras 60 fábricas, que representan o 4% da produción que non ofrecen esas garantías adicionais.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada