Agroalimentación

A debilidade industrial lastra ó sector agroalimentario galego

O sector primario xera o 62% do valor engadido bruto, en tanto a transformación dos produtos só o 38%. En España, a industrialización supera o 50% da xeración de valor e na UE o 60%

Campo Galego 20/09/2016 1:20 p.m.

O complexo agroalimentario preséntase como capital na economía galega, pois representa ata o 7,3% do PIB, unha cifra que dobra a media da UE. Esa importancia do conxunto do sector agroalimentario contrasta, sen embargo, coa súa debilidade industrial. O sector primario (agricultura, gandería e pesca) xera o 62% do valor engadido bruto do complexo agroalimentario galego, en tanto a transformación dos produtos quédase no 38%. En España, a parte industrial supera o 50% de valor xerado e na UE pásase do 60%.

Son todos eles datos que pon de manifesto o Plan Estratéxico 2016-2020 do Clúster Alimentario de Galicia, unha entidade focalizada en impulsar a innovación e a xeración de valor no sector. A análise do Clúster apunta tamén outra debilidade endémica da industria agroalimentaria galega, o seu escaso investimento en I+D.

Só se adica o 0,87% do PIB a investigación e desenvolvemento, segundo os últimos datos (2014), o que representa ademais un descenso en relación ó 2009 (0,97%). En España, a cifra chega ó 1,23% e é maior nos países do entorno.

Obxectivos 2016-2020
O Clúster Alimentario de Galicia presentou recentemente o seu Plan Estratéxico 2016-2020. Os seus principais obxectivos resúmense en 5 puntos:

- Desenvolver a cultura da innovación e favorecer a difusión e aplicación do coñecemento.
- Impulsar a xeración de valor a través de novos produtos e/ou procesos.
- Mellorar a produción e sustentabilidade: avanzar cara a fábrica do futuro.
- Reforzar a posición nos mercados internacionais e adaptarse ás tendencias de consumo.
- Potenciar a cooperación e traballo en rede dos socios.

Análise DAFO

O Plan Estratéxico do Clúster realiza unha análise DAFO (Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades) do complexo agroalimentario galego. Resumimos algunhas das cuestións máis significativas do DAFO.

[box style="0"]

Debilidades
- Baixo nivel de organización dos produtores agrarios para a transformación e comercialización.

- Escaso valor engadido na maioría das cadeas produtivas. Especialización en derivados simples.

- Déficit estrutural da balanza agroalimentaria galega. Só no caso da pesca hai un superavit claro.

- Elevada atomización da industria alimentaria, salvo nas empresas pesqueiras.

- Insuficiente visión estratéxica e de cultura de cooperación da maioría das industrias.

- Cultura baseada en custos e recursos, en lugar de en coñecemento e innovación.

[/box]

[box style="0"]

Ameazas
- Escasas perspectivas de expansión da demanda nos principais mercados do sector alimentario galego (Galicia, resto de España, UE).

- Crecente liberalización do comercio mundial e futuribles impactos na UE de novos acordos de libre comercio.

- Forte volatilidade dos prezos nos mercados internacionais, en especial dos produtos agrarios.

- Crecente concentración en grupos alimentarios globais.

- Forte concentración das cadeas de distribución, que gañan en poder de negociación fronte á industria.

- Menor espazo nos lineais para segundas e terceiras marcas.

[/box]

[box style="0"]

Fortalezas
- Boas condicións para a produción primaria.

- Recoñecemento da calidade dos produtos galegos no mercado español e en mercados internacionais.

- Existencia de producións con certificacións de calidade recoñecidas.

- Alta salubridade e seguridade alimentaria da produción galega.

- Presenza de marcas consolidadas en certos segmentos e relacións vantaxosas de cooperación coa distribución noutros.

[/box]

[box style="0"]

Oportunidades
- Posibilidade de incrementar o valor engadido xerado pola industria agroalimentaria galega en segmentos cunha demanda en expansión.

- Consolidación das denominacións de orixe e identificacións xeográficas protexidas. Crecemento da demanda de produtos ecolóxicos.

- Aproveitamento das posibilidades do comercio electrónico e das canles curtas de comercialización.

- Potencial derivado da crecente atención dos consumidores á sustentabilidade das producións e ós vínculos entre alimentación e saúde.

- Aumento da demanda mundial de alimentos. Posición estratéxica para acceder a mercados de América Latina.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada