Leite

A crise de prezos do leite abre o debate sobre o recorte da producción

A European Milk Board (EMB), na que está integrada a Organización de Productores de Leche (OPL), propón programas voluntarios e obrigatorios de reducción das entregas. Celebraranse actos de protesta simbólicos o día 12 de novembro en toda Europa

Loading ad.
Ad could not be loaded.
G.B. 05/11/2015 10:10 a.m.

Co fin da cota láctea, a regulación da producción e dos prezos do leite quedou en mans do mercado libre. Sete meses de campaña marcados polos excedentes de leite e polos baixos prezos servíronlle a boa parte do sector para tomar conciencia dos problemas que presenta un mercado libre sen unha rede de seguridade de políticas pública. Gandeiros de toda Europa abren agora o debate sobre a necesidade de programas para recortar a producción en periodos de crise.

“Cando hai un ano analizabamos as perspectivas para despois das cotas, xa nos dabamos de conta de que non había ningunha política sobre a mesa. Só tiñamos o mercado libre e a nosa pregunta era que pasaría cando os prezos baixasen, porque sabíamos que ían baixar” -explica Manuel Iglesias, presidente da Organización de Productores de Leche (OPL)-. “É necesario cambiar as políticas leiteiras a nivel europeo para evitar que esteamos atascados nunha situación de crise como a actual”, valora.

"Hai un ano xa vimos que non había ningunha política pública sobre a mesa para despois das cotas" (Manuel Iglesias, OPL)

Loading ad.
Ad could not be loaded.

A Organización de Productores de Leche, que está integrada a nivel comunitario na European Milk Board (EMB), celebrou onte unha rolda de prensa en Santiago xunto coa directora do EMB, Silvia Därebitz, para abrir tamén en Galicia o debate sobre a necesidade de programas de reducción da producción. “O mercado libre non é a solución. Propoñemos un programa de responsabilidade do mercado que axude a recuperar o equilibrio en intres de crise” -expuxo Därebitz-. “A sobreproducción baixa os prezos en toda Europa e queremos que se reduza para que o prezo mellore”.

Os actuais mecanismos de regulación de mercado, axudas ó almacenamento privado e intervención pública a baixos prezos de excedentes, demostráronse para a EMB como insuficientes.

Programa de responsabilidade do mercado
Ante ese escenario, a European Milk Board suxire introducir nas políticas públicas programas de control da producción. “Unha primeira fase para afrontar a crise pasaría por un programa de reducción voluntaria das entregas con compensacións” –detallou Däberitz-. “Nas zonas de Europa onde o prezo é máis baixo, pode ter máis sentido non producir e recibir unha compensación. Non é que os produtores sempre queiran producir máis, moitas veces é o mercado o que forza que sigan esa vía para sobrevivir”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

"Non é que os gandeiros sempre queiran producir máis. Moitas veces é o mercado o que os forza a ese camiño" (Silvia Därebitz, EMB)

Se esa medida se quedase curta nalgúns periodos de crise, a EMB propón unha seguinte fase que consistiría nun programa de reducción obrigatoria da producción, “que podería estar no entorno dun 2%”, valora Däberitz. “Estamos trasladándolle as nosas propostas ós políticos e ós axentes do sector, como as industrias, e estamos a ver que os gandeiros somos os únicos que propoñemos unha alternativa para o mercado libre. A industria claramente non está de acordo con nós porque ten outros intereses e a Comisión Europea acepta a actual situación, na que moitas explotacións se enfrontan á perspectiva de ter que pechar”, critica Däberitz.

Protesta o 12 de novembro
En demanda dun cambio das políticas lácteas a nivel europeo, a EMB convocou unha xornada de protesta para o día 12 de novembro en toda Europa. En Galicia, a Organización de Productores de Leche (OPL) confirmou onte que se sumará ás protestas cun acto simbólico que está pendente de concretar.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

"O futuro que temos na cabeza é que as explotacións poidan vivir do prezo que cobran polo leite, non das subvencións" (Silvia Därebitz, EMB)

“Queremos políticas fronte á crise de prezos, que os políticos escoiten e saiban que teñen que facer algo. O futuro que temos na cabeza é que as explotacións poidan vivir do prezo que cobran polo leite, non das subvencións. Estamos dispostos a tomar a responsabilidade de afrontar medidas como o control da producción, pero os políticos teñen que traballar con nós nese camiño”, conclúe a directora do European Milk Board, Silvia Därebitz.

Posturas en común con Vía Campesiña

A proposta da European Milk Board ten puntos en común coas liñas de traballo doutras organizacións agrarias, caso da Coordinadora Europea Vía Campesiña, na que participa o Sindicato Labrego Galego (SLG).

"A situación actual é peor que coa cota láctea. Hai que abrir o debate sobre a regulación da producción" (Isabel Vilalba, SLG)

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, coincide na importancia de abrir o debate sobre o control da producción. “Estamos nun escenario de excedentes e baixos prezos que precisa dunha regulación europea e pública. A situación para os gandeiros é peor que coa cota láctea”, resume Vilalba. “Hai que abrir o debate sobre a regulación da producción, aínda que nós pensamos que non a todos os países nin a todas as granxas se lles pode pedir unha reducción das entregas por igual. Nas granxas con menor producción ou nos países que non cubran o seu consumo interno, o enfoque ten que ser outro, pero son cuestións nas que haberá que profundizar e debatir”, conclúe.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada