Leite

A conselleira anuncia boas novas no contrato tipo e di que “as protestas dos gandeiros non se producen no momento adecuado”

Ángeles Vázquez sinalou en Madrid que este modelo de contrato único –no que está a traballar a Interprofesional Láctea INLAC– permitirá “poñer as cartas boca arriba” e coñecer o grao de cumprimento de cada quen na cadea de valor do leite. Di que “as protestas dos gandeiros non se producen no momento adecuado”, ao poder prexudicar a outros sectores en plena campaña de Nadal

Loading ad.
Ad could not be loaded.
09/12/2015 6:09 p.m.

“A vindeira semana agardo que teñamos boas novas en relación co contrato tipo para o sector leiteiro”. Así o anunciou esta mañá a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, tras participar en Madrid na xuntanza da Conferencia Sectorial e o Consello Consultivo de Política Agrícola.

Ángeles Vázquez engadiu que este modelo de contrato único –no que está a traballar a Interprofesional Láctea (INLAC)– permitirá “poñer as cartas boca arriba” no sector e coñecer o grao de cumprimento de cada quen na cadea de valor do leite.

A titular de Medio Rural sinalou que este documento viría sumarse ao Real Decreto de cesión de prezos que está a tramitar o Goberno Central e que demostra, segundo a conselleira, que por parte da Xunta e do Ministerio “vamos cumprindo” os compromisos co sector.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Neste contexto, a conselleira puxo en valor o plan da Xunta –xa en marcha– de Fortalecemento do sector, que foi “ben recibido” por todos os axentes do lácteo e que permitirá analizar as súas fortalezas e debilidades.

“As protestas dos gandeiros non se producen no momento adecuado”

Neste mesmo sentido, Ángeles Vázquez indicou que unha desas debilidades é a “fragmentación” do sector, que se pon de manifesto nas mobilizacións convocadas para estes días polos representantes dos gandeiros. Estas protestas, dixo, non se producen no “momento adecuado” e mesmo “poden prexudicar outros ámbitos”, en plena campaña de Nadal. A conselleira lembrou que polo de agora a “sociedade é solidaria cos gandeiros”, polo que fixo unha chamada á sensatez e á unión do sector, “polo ben de todos”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Ángeles Vázquez reiterou a súa insatisfacción pola lenta recuperación dos prezos, pero insistiu en que “se deron pasos firmes” a prol do sector, como o demostra que “xa non existe banalización do leite, retiráronse contratos á baixa e conseguiuse frear a caída dos prezos”. E lembrou, a maiores, que por parte da Consellería “axilizamos os adiantos dos pagos da PAC, de forma que de 33.000 beneficiarios cobraron xa uns 28.000.”

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada