Agroalimentación

A Asociación Galega de Apicultura destinará 52.000 euros a combater a Vespa Velutina

Ante o avance extraordinario da Vespa velutina, AGA, Asociación Galega de Apicultura, pon en marcha un programa para o control desta especie invasora que será presentando no Día do Apicultor en Arzúa o sábado 20 de febreiro

18/02/2016 8:24 p.m.

O vindeiro sábado 20 de febreiro terá lugar o Día do Apicultor en Arzúa, xornada na que a Asociación Galega de Apicultura (AGA) fará a presentación do programa de control da Vespa Velutina, ao que destinará este ano un total de 52.000 euros de recursos propios.

As previsións de AGA é que neste programa poidan colaborar uns 500 apicultores, socios e socias de AGA, das zonas máis afectadas, organizados en 11 delegacións comarcais (DAGAS), que se comprometerán a realizar os traballos de campo propostos no programa de control e cuxos datos serán tratados na Universidade de Vigo como entidade colaboradora, para ter conclusións da súa eficacia.

O programa Stop Velutina de AGA consta de:

1.- Unha captura masiva de raíñas fundadoras, de marzo a xuño, como método preventivo para diminuír a proliferación de niños no verán e outono, para o que porán en funcionamento 3.000 trampas cos seus atraíntes.

2.- Un programa de investigación aplicada, que permitirá diagnosticar os mellores métodos de captura e control da Vespa velutina co menor impacto posible sobre outros polinizadores.

O programa e os seus contidos iranse actualizando e completando a través da web de AGA. Será coordinado a nivel científico pola doutora Sandra Rojas Nossa, bióloga que traballa co Grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, e que tamén é apicultora e socia de AGA.

Cronoloxía de actuacións Stop Velutina:

O día 20 de febreiro, no Día do Apicultor en Arzúa, será presentado o programa e procederase á distribución das trampas cos seus atraíntes.

O día 3 de marzo, realizarase unha xornada no Parlamento Europeo, convocada polo grupo parlamentario GUE/NGL.

O día 4 de xuño, na 31ª Mostra Galega de Apicultura en Arzúa, haberá unha sesión de seguimento do programa e analizaranse os primeiros resultados.

Os días 1 e 2 de setembro celebraranse as Xornadas Internacionais sobre a Vespa velutina, organizada polo doutor veterinario Xesús Feás, da Facultade de Ciencias de Lugo, socio de AGA, coa colaboración dos cursos de verán da Universidade de Santiago.

[box style="0"]

Programa Día do Apicultor – Xornada Stop Velutina

Ás 10 horas apertura de instalacións

Ás 11 horas.  Sesión sobre Vespa velutina
11 h. Presentación Programa Stop Velutina de AGA – Asorey, Sandra Rojas e Xesús Feás
11.45 h. Palestras:
Fondo-trampa Velutina. Por Salvador Martínez - DAGA Rías Baixas
Fondo-trampa Velutina. Por Paco Graña – DAGA Bergantiños
Artiluxio de protección para a colmea. Por Xesús Asorey – AGA
Investigación sobre a Vespa Velutina en Francia. Por Ludovic de Feraudy - Vetopharma.
Apishield, fondo-trampa Velutina. Por Azucena Marques – Hifarmax.
Plan de actuación contra a Vespa Velutina no Morrazo. Por José María Bello – DAGA Morrazo
Preguntas e debate.

Ás 13 horas. Asemblea Xeral de AGA

Ás 16 h. Sesión sobre os tratamentos da varroa.
Thymovar e Hibee. Por Azucena Marques – Hifarmax.
Maqs. Por Ludovic de Feraudy – Vetopharma.
Checkmite. Por Encarna Garrido – Biopyc.

Ás 16.30 Limpeza de residuos da cera. Por Encarna Garrido – Biopyc.
Ás 18 horas. Clausura da xornada

[/box]

 

Etiquetado
Ir a la portada