O novo réxime de autorizacións para novas plantacións de viñedo entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2016 e finalizará o 30 de decembro de 2030. Nese período a Comisión Europea realizará unha revisión intermedia do mesmo.
A grandes rasgos, o novo réxime implica:
- Os dereitos de plantación actuais converteranse en concesións administrativas, que serán renovables cada tres anos. Non haberá cambios para os titulares.
Novas plantacións e replantacións
- Non se permitirán novas plantacións sen autorización, tanto para uva con indicación xeográfica como para a que non a teña. As autorizacións para novas plantacións terán unha validez de 3 anos dende a concesión.
- As produtoras/es que acaden autorización e non fagan a plantación durante o período de validez, serán sancionadas/os. Quen plante viñedo sen autorización, ademais de recibir unha sanción deberá arrincalo.
- As autorizacións outorgaranse gratuitamente polas autoridades públicas e non poderán ser transferidas a outros produtores ou produtoras, rematando deste xeito coa transferencia /mercado de dereitos entre particulares.
- Os dereitos de plantación non utilizados e que sexan válidos antes da fin de 2015, converteranse en autorizacións a partir do 1 de xaneiro de 2016, previa petición. Terán o mesmo período de validez que as autorizacións.
- Os estados membros poden atrasar a data de conversión até o 31 de decembro de 2020, pero os dereitos non se poderán transferir dende o 1 de xaneiro de 2016.
- Na xestión das autorizacións a administración poderá ter en conta as recomendacións das organizacións profesionais recoñecidas a nivel comunitario (organizacións interprofesionais agroalimentarias e organizacións de produtores), por grupos interesados de produtores (DOs e IXPs) e por outros tipos de organizacións profesionais recoñecidas polos estados.
Replantacións na mesma explotación:
- As replantacións disporán de autorizacións automáticas cunha validez de 3 anos e concederase para a mesma explotación que fixo o arranque.
- Os estados poderán conceder autorizacións de replantación con arranque diferido, ao termo da cuarta campaña na que se teña feito a replantación.
Mecanismos de salvagarda
- Establecerase un mecanismo xeral de salvagarda a nivel da Unión Europea para o aumento de calquera superficie de viñedo adicional. Fixarase un 1% de incremento da superficie plantada de viñedo para cada estado membro en cada ano que se traducirá nun número de hectáreas de novas plantacións.
- Os estados membros poderán diminuír a porcentaxe de aumento a nivel estatal e limitar a nivel rexional para as superficies de DOPs, IXPs, e viños sen indicación xeográfica, polos seguintes motivos:
.Evitar oferta excesiva.
.Evitar apropiación indebida da reputación das DOPs.
.Evitar o risco de desvalorización de produtos con selo de calidade.
Isto debe estar debidamente xustificado e farase con publicidade.
- Se a suma de tódalas solicitudes individuais, en hectáreas, respectando criterios obxectivos e non discriminatorios de admisibilidade, non excedese do límite establecido a nivel estatal, deberán aceptarse todas.
- Os estados membros poderán aplicar algún dos seguintes criterios de admisibilidade:
.Dispoñer dunha superficie agrícola de viñedo superior á solicitada.
.Ter capacidade e competencia profesional.
.Que non supoña un risco de apropiación indebida da reputación dalgunha DOP.
.Aplicar algún dos criterios de prioridade.
- En caso de que a demanda total de solicitudes superen o límite de hectáreas nun estado, deberían aplicarse os seguintes criterios de prioridade:
.Incorporación de persoas con capacidade profesional.
.Superficies de viñedo para preservación do entorno.
.Replantación por concentración parcelaria/expropiación.
.Superficies con limitacións naturais ou doutra caste.
.Proxectos de desenvolvemento viábeis.
.Replantacións que permitan aumentar a competitividade da explotación.
.Potencial para mellorar a calidade dos produtos con IXP.
.Replantacións para incremento do tamaño de pequenas e medianas explotacións.
Artigo realizado a partir da infomación facilitada polo Sindicato Labrego Galego sobre a xornada “A reforma dos dereitos de plantación de viñedos”, celebrada en Ribadavia o 23 de xuño de 2014 e na que participou o técnico da COAG, Carlos Mateo.