Os primeiros resultados das analíticas da calidade da herba deste ano xa están dispoñibles e confirman a baixada en xeral da materia seca debido ás peores condicións climatolóxicas para o presecado.
Así se desprende das análises provisionais do laboratorio dos Servizos Agronómicos de CLUN SCG referidas a parcelas da comarca da Mariña lucense e de pradeiras que foron segadas entre os días 17 e 24 de abril. Hai que matizar que estes primeiros datos están pendentes de ser confirmados polos resultados definitivos das análises do CIAM e do Laboratorio de Mouriscade,
“En xeral a porcentaxe de materia seca baixou respecto ao ano pasado, porque nos últimos días non fixo bo tempo e o presecado non foi o máis axeitado”, aseguran fontes dos Servizos Agronómicos de CLUN SCG.
Así, a materia seca sitúase nunha media do 30%, pero con importantes variacións, ao igual que Fibra Ácido Deterxente e a Proteína Bruta, que vai do 8,8 dalgunhas parcelas ao 15,9 doutras, é dicir, cunha diferencia de case o dobre.
A este respecto, dende a cooperativa galega destacan que “as diferencias nas porcentaxes de proteína da herba presentan variacións moi notables entre parcelas, e entre variedades, xa que algunhas pradeiras son de raigrass e trevo e noutros de cereal e leguminosas”.
A pasada campaña 2017 foi unha das mellores en Galicia en canto a calidade dos silos de herba, grazas en boa medida a unha climatoloxía que favoreceu o ensilado. Así, segundo os datos do Laboratorio de Mouriscade acadouse unha media de 13,1 de proteína bruta, cun 31,8 de materia seca, unha FAD que baixou ata o 34,8 e un 53,1 de FND.
Resultados das primeiras análises dos Servizos Agronómicos de CLUN SCG en parcelas da Mariña: