A Praza do Concello da Fonsagrada acolle este sábado 3 e domingo 4 a XXI Feira do Butelo, na que se espera a venda de arredor de 10 toneladas do embutido a un prezo que rondará os 9-10 euros quilo. O evento contará con 65 stands, ubicados baixo unha carpa, que estarán en funcionamento en horario de 10 da mañá a oito da tarde.
A feira foi presentada esta semana na Deputación de Lugo, que financia a celebración do certame, coa participación do presidente do organismo provincial, Darío Campos, e do alcalde da Fonsagrada e deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández. A organización agarda que asistan á XXI Feira do Butelo arredor de 5.000 persoas.
O programa da feira inclúe na xornada do domingo a actuación do grupo de música tradicional da Fonsagrada Antaruxas e Sorteiros, así como de Illa Pancha. Farase ademais entrega do Butelo de ouro ó ferreiro Oliverio Álvarez. O programa completo é o seguinte:
Sábado, 3
10:00 horas: Apertura da carpa
12:30 horas: Inauguración oficial da Feira
13:00 horas: Paseo polos diferentes expositores
20:00 horas: Peche da carpa
Domingo, 4
10:00 horas: Apertura da carpa
12:30 horas: Actuación do grupo de música tradicional Illa Pancha
13:00 horas: Entrega da distinción Butelo de Ouro, no Salón de Plenos do Concello
13:30 horas: Actuación musical da Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros
20:00 horas: Peche da carpa e remate da feira