Data inicio: 25/11/2017
Data fin: 25/11/2017
Lugar: A Corneira, A Baña, A Coruña
A III Xornada do Rural ‘Pousa Antelo’ terá lugar no local social de Corneira (A Baña) o vindeiro sábado, 25 de novembro. Trátase da terceira edición dunha xornada que organiza anualmente a Asociación Cultural “Afonso Eanes” e que pretende divulgar aspectos relacionados co mundo rural, tanto dende o punto de vista técnico coma dende un punto de vista social ou cultural.
Están dirixidas a calquera tipo de público interesado nestes temas, e especialmente á xente do rural da comarca de Barcala. As xornadas están adicadas a Avelino Pousa Antelo, destacado galeguista e agrarista de orixe barcalés, que traballou boa parte da súa vida en temas relacionados coa agricultura e o cooperativismo. A primeira xornada tivera lugar no 2015 en Cabanas (A Baña) e a segunda no 2016 en Broño (Negreira).
Nesta terceira edición, a xornada inclúe charlas, coloquios e un xantar colectivo. A entrada é de balde e só será preciso anotarse no caso de participar no xantar previsto (12 euros), para o que se pode escribir ó correo electrónico afonsoeanes (arroba) gmail.com.
O programa da xornada é o seguinte:
10:15-10:30 Recepción dos asistentes e presentación da xornada.
10:30-12:00 “O cooperativismo de hoxe para o campo galego”, por Tino Gago Conde (Xerente da Unión de Cooperativas Espazocoop).
12:00-12:30 Descanso para o café.
12:30-14:00 Sistemas silvopastorais con razas autóctonas:
– Experiencia con vaca cachena e cabra galega, por José Antonio Liñares Rey (Gandeiro da finca A Ferreira, Val do Dubra).
– Experiencia con porco celta, por comuneiros do monte Cubela-Contimundi (Rois).
14:00-15:30 Parada para o xantar.
15:45-17:15 Mesa redonda: “A muller no rural” coa participación de Olaia Tubío (Titulada en Xornalismo) e María Ramos Castro (Gandeira e socia na SAT Os Agros, Santa Comba).
17:15-17:45 Descanso para o café.
17:45-19:30 Charla-coloquio “Os incendios forestais en Galicia”, por Sebastián Hernández Borrageros (Bombeiro forestal da Xunta de Galicia e secretario da Asociación Profesional de Bombeiros Forestais de Galicia).
19:30 Clausura da xornada.