Este xoves o Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea e o Parlamento Europeo chegaron a un acordo político sobre a revisión intermedia da Política Agraria Común (PAC) para o período 2018-2020, en espera da próxima reforma prevista para despois do 2020.
Os principais puntos do acordo son:
-Mellórase a definición de pastos permanentes, para incluír aos pastos arbustivos e baixo arboredo. Ata agora a non adaptación da normativa europea á realidade española levou a importantes penalizacións aos gandeiros do Sur da Península, pero tamén de Galicia, onde se suprimiron as axudas da PAC para as superficies de pastos arbustivos e baixo arboredo de menos de 0,3 hectáreas.
-Auméntanse a axudas directas para os novos agricultores, co obxectivo de apoiar o relvo xeracional no sector agrícola. As subvencións adicionais aos mozos poderán ser ata un máximo do 50 por cento superiores á axuda básica, fronte ao 25 por cento actual, e desaparecerán os límites mínimo e máximo de hectáreas por explotación.
-Amplíanse as disposicións relativas ao “paquete lácteo” máis aló do 2020.
-Flexibilízanse as esixencias ambientais introducidas na última reforma da PAC para acceder aos pagos directos, co fin de facilitar a súa aplicación por parte dos agricultores, facendo especial fincapé na mellora das condicións para promover os cultivos proteicos fixadores de nitróxeno.
-Acórdase impulsar as axudas destinadas a financiar créditos e garantías bancarias para os agricultores, o que se considera permitirá lograr un efecto multiplicador dos fondos públicos. Eses instrumentos cubrirán as axudas para a primeira instalación dos agricultores mozos, entre outras medidas.
-Potenciaranse os plans de seguros para compensar a agricultores e gandeiros por perdas de ingresos. Os cambios propostos na ferramenta de estabilización de ingresos (IST polas súas siglas en inglés) permitirán activar as axudas a un sector cando as perdas de ingresos representen un mínimo do 20%, en lugar do 30% actual. Ademais, a compensación incrementarase do 65% actual a un 70% para aqueles produtores que perderon máis do 20% da súa produción ou ingresos anuais.
-Darase máis flexibilidade aos Estados membros para reducir a burocracia, especialmente cando se trata da aplicación da definición de agricultor activo.
-Amplíase a todas as organizacións de produtores recoñecidas no sector agrícola e gandeiro a autorización para planificar a produción e negociar contratos de entrega coa industria en nome dos seus socios, sen contravir as normas de competencia da UE. Considérase que isto debería axudar a fortalecer o posicionamento dos agricultores na cadea alimentaria. Ata agora, as negociacións colectivas só estaban autorizadas para os produtores de leite, aceite de oliva, carne de vacún, cereais e cultivos herbáceos. Agora amplíanse a todos os sectores.
–No sector do viño, o acordo avanza en relación coa xestión das autorizacións de plantación. En concreto, deféndese unha repartición máis equitativa entre os viticultores solicitantes de autorizacións de novas plantacións; un trato prioritario aos mozos de empresas instaladas nas rexións produtivas, e a eliminación do dereito para acceder a esas autorizacións para os viticultores que dispoñan de viñedos ilegais.
Por outra banda, a Comisión de Agricultura da Unión Europea presentou unha declaración anexa ao acordo na que se compromete a presentar antes de xuño do 2018 unha proposta para a mellora das relacións entre os distintos elos da cadea alimentaria. Este era un asunto crucial para a Eurocámara, que defende a posta en marcha dun marco lexislativo para regular as prácticas abusivas exercidas en detrimento sobre todo dos agricultores e gandeiros.
O acordo ten que confirmarse en unha comisión especial de Agricultura que se celebrará no Parlamento Europeo o vindeiro luns, 16 de outubro.