Administración convocante: Consellería de Economía, Emprego e Industria
Enlace axuda: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20161230/AnuncioO92-221216-0001_gl.html
Prazo: Ata 31/10/2017
Resumo:
A Consellería de Economía, Emprego e Industria publicou este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova liña de apoios ás ganderías de vacún de leite para rebaixar os xuros dos préstamos concedidos para o refinanciamento de pasivos e para diminuír estes custos nos créditos relativos ao acceso a circulante,
En total, esta liña de apoio para mellorar o financiamento e a liquidez das explotacións lácteas conta cun importe de case 1,75 millóns de euros, o que contribuirá a mobilizar ata 10 millóns.
Para acadar este obxectivo, esta nova orde prevé contribuír á bonificación dos custos financeiros de 200 operacións e a facer fronte ás garantías requiridas polas entidades bancarias ás empresas do sector. Os apoios encamíñanse, por un lado, a rebaixar os xuros daqueles préstamos concedidos para o refinanciamento de pasivos e, por outra parte, a diminuír estes custos nos créditos relativos ao acceso a circulante, dispoñendo así de financiamento adicional para sufragar nóminas de traballadores, tributos, alugueres e pagos a provedores e acredores por prestación de servizos.
Deste xeito, o programa permitirá reducir a custe cero o tipo de xuro dos préstamos outorgados polas entidades bancarias nestes dous campos -refinanciamento de pasivo e circulante-. As contías dos préstamos oscilarán entre os 3.000 e os 200.000 euros, con prazos de entre 5 e 7 anos para o refinanciamento de pasivos, e de entre 3 e 7 anos para o circulante. No caso de compatibilizar as dúas opcións, o importe máximo será de 300.000 euros. En ambos casos, o Igape subvencionará os gastos financeiros das operacións que concedan os bancos e as comisións de aval das Sociedades de Garantía Recíproca (SGR), e reavalará ás propias SGR o 25% do risco.
Prazo de solicitudes: dende o 2 de xaneiro ao 31 de outubro
Tras a publicación este venres no DOG das bases reguladoras, o prazo para presentar solicitudes comezará o próximo luns, 2 de xaneiro, e permanecerá aberto ata o 31 de outubro de 2017.
Trátase da segunda convocatoria deste programa. Para a primeira edición, a previsión é que se aproben preto de 170 operacións que mobilizan préstamos bonificados que superan os 8 millóns de euros.