Data inicio: 26/11/2016
Data fin: 26/11/2016
Lugar: Broño, 8, 15838 Broño, La Coruña, España
A II Xornada do Rural ‘Pousa Antelo’ terá lugar no local social de San Martiño de Broño (Negreira) o vindeiro sábado, 26 de novembro. Trátase da segunda edición dunha xornada que organiza anualmente a Asociación Cultural “Afonso Eanes” e que pretende divulgar aspectos relacionados co mundo rural, tanto dende o punto de vista técnico coma dende un punto de vista social ou cultural.
Están dirixidas a calquera tipo de público interesado nestes temas, e especialmente á xente do rural da comarca de Barcala. As xornadas están adicadas a Avelino Pousa Antelo, destacado galeguista e agrarista de orixe barcalés, que traballou boa parte da súa vida en temas relacionados coa agricultura.
A primeira xornada tivera lugar en outubro de 2015 en Cabanas (A Baña). Nesta segunda edición a xornada está centrada no sector forestal, aínda que tamén hai espazo para outros temas. A xornada inclúe charlas, xantar colectivo e tamén unha mesa redonda na que trataremos de compartir as diferentes ideas, neste caso sobre o futuro do sector forestal. Incluímos tamén unha sección denominada “experiencias barcalesas” na que tratamos de recoller iniciativas singulares que foron nacendo no agro da nosa comarca, como son neste caso a produción de mel artesán e a de leite ecolóxico. O peche da xornada estará a cargo de Amador Rodríguez Troncoso, algo co que a asociación “Afonso Eanes” pretende rendir unha pequena homenaxe á labor deste veterano técnico de Extensión Agraria na nosa comarca.
A entrada é de balde e só será preciso anotarse no caso de participar no xantar previsto.
Programa:
09:45-10:15 Recepción dos asistentes e presentación da xornada.
10:15-11:00 “A actual Lei de Montes de Galicia”, por Óscar Iravedra Portela (Enxeñeiro Técnico Forestal) e Verónica Liñares López (Enxeñeira de Montes).
11:00-11:45 “A certificación forestal”, por Jorge M. Bouzas Tomé (Enxeñeiro de Montes e técnico da Asociación Forestal de Galicia).
11:45-12:15 Descanso para o café.
12:15-13:00 “Plantas e traballos forestais”, por Constantino Canosa Villar (Xerente do viveiro Sylnor SL).
13:00-13:45 “Transformacións dos principais usos e aproveitamentos nos montes galegos na segunda metade do século XX”, por Xosé Antonio Meixide Fernández (Enxeñeiro Técnico Agrícola e xefe de explotación no CFEA de Guísamo).
14:00-16:15 Parada para o XANTAR*
16:15-17:30 Mesa redonda: O FUTURO DO SECTOR FORESTAL
17:30-18:00 Descanso para o café
Experiencias barcalesas:
18:00-18:30 “A produción de mel artesán”, por Borja Rodríguez Fernández (Apicultor e produtor do mel Tesouro de Barcala)
18:30-19:00 “15 anos producindo leite ecolóxico”, por Manuel Paredes Turnes (Gandeiro de Cabanas).
19:00-19:45 “A repoboación forestal na comarca de Barcala”, por Amador Rodríguez Troncoso (Ex-xefe da Axencia Extensión Agraria de Negreira e ex-rexedor rexional do Servizo de Extensión Agraria).
19:45 Clausura da xornada.
*O xantar será no Restaurante Begomar (Corneira). Prezo do menú (entrantes variados, churrasco, postre, bebida e café): 12€ para o público xeral e 10€ para socios/as de Afonso Eanes (poderanse afiliar no propio día).
Atención: As persoas interesadas en participar no xantar deben anotarse, antes do 24 de novembro, por unha das seguintes vías:
– Páxina de Facebook de Afonso Eanes (mensaxe privada)
– Correo electrónico afonsoeanes@gmail.com
– Teléfono 627162939
Organiza: Asociación Cultural “Afonso Eanes”
Colabora: Asociación de Veciños de Sanmartiño de Broño