A Consejería de Agricultura de Castela e León suprime, segundo aparece hoxe publicado no Boletín Oficial da comunidade, os cursos online para sacar os carnés de fitosanitarios e iniciou un expediente para revogarlle a autorización para impartilos a Rabcor SL, a empresa á que acudiron e acoden centos de cidadáns galegos para sacarse o devandito permiso.
Estas son as primeiras medidas que tomou a comunidade veciña tras a investigación aberta polo Seprona e o servizo territorial de Agricultura ante unha posible fraude nos cursos de fitosanitarios vía internet non presenciais.
Así consta no escrito, ao que tivo acceso Campo Galego, que remitiu este martes a Dirección Geneeral de Produción Agropecuaria e Infraestructuras Agrarias, que dirixe Jorge Llorente, ao sindicato agrario Asaja, que presentou a denuncia contra Rabcor SL.
Os feitos denunciados ante o Seprona son que a empresa manipulaba o acceso do seu alumnado ás horas de clase teórica e á temática que tiñan asignada, de forma que os alumnos só facían as horas presenciais. A realidade, sempre segundo as fontes da investigación, é que o acceso que tiñan que rexistrar os alumnos para cubrir esas horas de teórica realizábase desde as propias empresas. Así o demostran ao parecer os datos das IP que obran xa en mans do Seprona.
Xunto a Rabcor tamén está a ser investigada polo servizo da Garda Civil a empresa Sanea, que ten autorización para impartir cursos de fitosanitarios online na comunidade de Asturias.
Supresión dos cursos online en Castela e León e retirada da autorización a Rabcor SL
A comunicación oficial da Consejería de Agricultura de Castela e León á que tivo acceso Campo Galego informa de que “de forma inminente vaise proceder á modificación da Orde AYG/946/2013, do 12 de novembro, pola que se designan as entidades de formación a usuarios profesionais e vendedores de produtos fitosanitarios (….). Esta modificación contempla a eliminación do sistema de formación non presencial vía internet, garantindo así unha capacitación de maior calidade aos participantes nos cursos”, unha decisión que xa se fixo efectiva
Ademais, o director xeral de Agropecuaria e Infraestruturas Agrarias comunica que “motivado polas inspeccións realizadas polo persoal técnico adscrito ao Servizo Territorial de Agricultura e Gandería de León ao cal prestou a súa colaboración os axentes do SEPRONA, iniciouse un expediente de revogación da autorización á entidade Rabcor 2014 SL, o cal se atopa actualmente en proceso de trámite administrativo”.
Rabcor nega as acusacións
Pola súa banda, Javier de Rábano, director de Rabcor SL, nega as acusacións e atribúeas “ao empeño de ASAJA de acabar connosco para sacarnos da formación online como doutra formación e ocupar eles ese mercado”.
O representante da empresa, que cobraba uns 100 euros aos alumnos por sacar o carné básico de aplicador de produtos fitosanitarios, e 150 euros no caso do cualificado, pide desculpas polos prexuízos que puidese ocasionar esta situación a alumnos e comerciantes dos cursos.
“A Xunta acumula centos de expedientes de Rabcor SL desde hai meses”
“É lóxico que a xente desconfíe de nós por todo o que están a ler, e se con algo quedo é que desbloqueamos o acceso aos cursos de formación, que a Xunta de Galicia tería que convocar hai un ano”, engade.
O problema pasa agora á Consellería do Medio Rural que acumula centos de expedientes de cursos realizados por alumnos galegos en Rabcor S, paralizados desde hai meses á espera de que conclúa a investigación do Seprona e da Consellería de Agricultura de Castela e León. Campo Galego solicitou información á Xunta sobre os pasos para tomar a partir de agora en relación a este caso, sen que ata o momento recibísemos resposta.
Resposta da Consellería de Agricultura de Castela e León:
Máis información: