Felicísimo Pereira Freijido, o que ata agora era presidente en funcións, foi elixido esta mañá presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro. Substitúe así a Miguel Ángel Viso Diéguez, quen dimitiu debido á súa incompatibilidade co seu recente cargo de deputado no Congreso de los Diputados.
O pleno do C.R.D.O. Ribeiro reuniuse hoxe en Ribadavia co obxectivo da renovación da presidencia da entidade. Os membros do mesmo elixiron por maioría de votos a Felicísimo Pereira, vicepresidente do Consello Regulador dende 2012, para facer fronte á presidencia do organismo.
Felicísimo Pereira, nado en Ribadavia, leva vinculado ao sector do viño por tradición familiar máis de 25 anos. A súa traxectoria profesional está ligada ao sector vitivinícola e á rexión.