Os datos de entregas de leite do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) correspondentes ao mes de novembro publicados este mércores revelan que a produción de leite baixou en toda España con respecto ao mes de outubro, algo que sole ser habitual neste mes, mentres que os prezos experimentaron unha importante suba.
En concreto, en novembro as entregas de leite de vaca en España ascenderon a 573.561 toneladas, por debaixo do mes de outubro, e un 2,88 % menos que no mesmo mes de 2021. No acumulado dende xaneiro, a produción en España foi de 6,717 millóns de toneladas, un 2,07 % menos que en 2021.
En canto a Galicia, a produción de leite en novembro tamén baixou pero menos: producíronse 235197 toneladas, un 1,73% menos que no mesmo mes de 2021. E se se analizan os once meses do pasado ano, de xaneiro a novembro, en Galicia entregáronse á industria 2..723.963 toneladas de leite, un 0,55% menos que no mesmo período de 2021.
Galicia deixa de estar no furgón de cola en prezos
Polo que respecta ao prezo medio en novembro, no conxunto de España foi de 0,587 euros o litro, o que supón un incremento respecto aos 0,556 euros o litro de outubro.
En Galicia, os prezos medios en novembro foron de 0,576 euros o litro, fronte aos 0,53 de outubro, e por tanto cunha suba mensual lixeiramente superior que a media española. De feito, Galicia deixa de estar por primeira vez en moitos anos no furgón de cola en canto a prezos de España, e sitúase case ao mesmo nivel que Asturias.
No que respecta ás calidades do leite, foron en novembro de 3,89% de graxa e 3,43% de proteína na media de España e en Galicia situáronse no 3,98% de graxa e 3,43% de proteína.
Por último en canto ao leite ecolóxico, o prezo medio 0,643 euros o litro, cunha importante suba con respecto aos 0,599 de outubro.