Despois de 10 días acampados ás portas dos principais matadoiros da comunidade, os produtores de Ternera Gallega Suprema levantaron esta mañá o campamento improvisado que mantiñan en Lugo ás portas de Novafrigsa, ao igual que fixeran nas horas previas no resto de industrias que procesan a súa carne.
Fano, din, “como xesto de boa vontade” que permita “unha negociación real” entre as partes para fixar un prezo en orixe dos seus animais que cubra o incremento dos custos de produción que se veñen encadeando nos últimos meses.
Con todo, aseguran, “o conflito non se resolverá mentres non se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria” e se garanta a viabilidade das súas explotacións. “A pelota está agora no tellado da Administración. Esiximos á Xunta que exerza o seu papel de mediación e involucre ás industrias, á distribución e á IXP nunha solución”, reclaman os gandeiros reunidos en torno á asociación Gandeiros Galegos da Suprema.
Esiximos á Xunta que exerza a súa función e involucre ás industrias, á distribución e á IXP nunha solución
O seu presidente, Santiago Rego, pide que se adopten antes de que acabe este mes “medidas efectivas que fagan que o prezo do tipo de carne que nós producimos suba”. Este paquete de medidas atinxirían tanto á Consellería como ao Consello Regulador.
Entre outras cuestións, seguen reclamando unha promoción diferenciada da carne de Suprema a respecto da Ternera Gallega convencional, procedente de cebadoiros industriais, que permita ao consumidor distinguila claramente nos liñais dos supermercados, así como que se eliminen as trabas para que a carne de Suprema poida chegar con maior facilidade aos principais mercados de fóra de Galicia onde é valorada.
Os animais comezarán a entrar de novo nos matadoiros
Desde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema rexeitan que desde as industrias os acusen de impedir a saída de carne das súas instalacións, algo que estivo condicionado pola folga do transporte, e din que eles simplemente aproveitaron o paro dos camioneiros para “exercer unha labor informativa e de concienciación dos consumidores”.
Desde o día 14 non entrara carne de Suprema nos matadoiros galegos
Desde o luns día 14 os gandeiros deixaron de mandar os seus animais ao matadoiro, algo que se retomará a partir de hoxe para que non falte carne nos liñais dos supermercados e carnicerías e os consumidores non sufran as consecuencias dun posible desabastecemento.
Para que os animais que nestes días superasen a idade máxima de sacrificio permitida (10 meses) non perdan valor, os produtores obtiveron tamén o compromiso do Consello Regulador para que de forma excepcional se permita que sexan marcados como Suprema durante o tempo que dure o paro do transporte.
Valoracións da Consellería do Medio Rural
Por parte da Consellería do Medio Rural, apúntase a Madrid como lugar onde buscar solucións. Consultada a Consellería sobre as protestas dos gandeiros de Suprema e posibles medidas, Medio Rural sinala que é “consciente da situación pola que está a pasar o sector cárnico” e demanda que “o Ministerio de Agricultura faga cumprir a Ley de la Cadena Alimentaria, facendo efectiva a prohibición de venda a perdas”.
A Consellería insiste en que é o Ministerio quen ten que convocar a industrias, gandeiros e cadeas de distribución para impulsar unha suba de prezos ao longo de toda a cadea, desde as granxas ata o consumidor final.
“Neste sentido, dende a Xunta solicitóuselle ao Ministerio que promova un gran acordo ou memorando de entendemento entre a distribución, a industria e os gandeiros a nivel nacional que faga que distribución e industria habiliten os mecanismos necesarios para incrementar o prezo actual dos contratos de venda dos produtos gandeiros”, conclúen.
Petición dun gabinete de crise en Galicia
Entre tanto, o Sindicato Labrego está a iniciar unha campaña para que a Xunta poña en marcha un “gabinete de crise”, con participación de industrias, produtores e Administración, para afrontar, en primeiro lugar, os problemas derivados da folga de transportes, pero tamén as dificultades que enfronta o sector pola suba de custos de produción.