O Servizo de Explotacións Agrarias de Ourense, dependente da Consellaría do Medio Rural, ten previsto realizar o vindeiro 29 deste mes unha xornada técnica sobre “Asesoramento en Xestión Integrada de Pragas”.
O Real Decreto 1311/2012, do 14 de setembro, polo que se establece o marco de actuación para conseguir un uso sustentable de produtos fitosanitarios, establece a obriga de dispoñer dun técnico en asesoramento en xestión integrada de pragas, para determinados cultivos e superficies. O dito asesoramento en xestión integrada de pragas debe reflectirse documentalmente. O obxectivo deste asesoramento é minimizar o uso de produtos fitosanitarios e optar por outros métodos alternativos.
Neste sentido, na xornada, á que asistirán como relatores persoal técnico con ampla experiencia en distintos sectores produtivos, darase información sobre as principais pragas e enfermidades dos distintos cultivos, limiares de tratamentos, extracción de datos para cubrir o documento de asesoramento, métodos alternativos e outros aspectos relacionados coa xestión integrada de pragas.
A formación impartirase en horario de mañá e tarde: de 9:00 a 13:30 h e de 15:30 a 19:30 h, no ISGGA de Ourense ( Rúa de Villaamil e Castro, s/n, Ourense).
O programa da xornada é o seguinte:
09.00-09:30 h. Presentación da xornada. Marco legal do asesoramento en xestión integrada de pragas. Encarna Rodríguez Soto e Diana González Fernández, do Servizo de Explotacións Agrarias de Ourense
09:30- 11:30 h. “Asesoramento en XIP en froiteiras. Algunhas experiencias no Val de Caderechas (Burgos)”. Eduardo Hernando Izcara. Enxeñeiro Agrónomo. Dtor. técnico das Marcas de Garantía “Cereza y Manzana Reineta del Valle de las Caderechas” (Burgos)
11:30-13:30 h. Xestión integrada de pragas en viveiros e cultivos hortícolas. Noelia López López. Enxeñeira agrónoma e asesora en xestión integrada de pragas.
15:30-17:30 h. Asesoramento en XIP na viña. Pragas e enfermidades, seguimento, limiares de intervención e recursos dispoñibles para o seu control.. Nuria de Prado Ordás. Enxeñeira Agrónoma. Estación de avisos del Bierzo, Castilla y León. Red Nacional de Expertos de Viñedo.
17:30-19:30 h. Asesoramento en XIP en pataca. Estela Ortiz De Landazuri. Técnica de campo de Cooperativa La Rioja Alta.
A inscrición á xornada é obrigatoria e gratuíta, mediante a presentación dunha solicitude que será enviada ao Servizo de Explotacións Agrarias de Ourense ou enviada ao correo electrónico diana.gonzalez.fermandez@xunta.gal
Esta actividade foi aprobada no Plan de Transferencia Tecnolóxica para o agro galego 2021, e cofinanciada polo FEADER nun 75%.