Forestal

A que distancia das casas debemos limpar para previr os lumes forestais?

A prevención de lumes obriga a manter as zonas perimetrais do monte despexadas de mato e arborados para evitar situacións conflictivas. Repasamos a normativa autonómica ao respecto

Campo Galego 21/07/2017 8:24 a.m.

Esta semana, un incendio que se orixinou no monte da Grela (A Coruña) aproximouse ás instalacións do complexo comercial Marineda City e obrigou a cortar a súa vía de acceso, así como a terceira ronda da Coruña. Perigou tamén unha nave de pinturas do polígono do Pocomaco, se ben finalmente os servizos de extinción controlaron o lume antes de que se produciran danos.

A notoriedade do lume de Marineda City volve poñer sobre a mesa a cuestión das distancias do monte ás vivendas, industrias e vías de comunicación.

Repasamos o que di a normativa autonómica, que polo de agora ten un cumprimento moi escaso, como se recoñece desde a propia Xunta:

[box style="0"]

ACTUALIZACIÓN - Agosto 2022

https://www.campogalego.gal/o-abc-da-normativa-forestal-para-prevencion-de-incendios/

[/box]

Para as casas illadas, a lei establece que:
-Dende o límite da casa ata os 10 metros: non pode haber mato nin árbores. As copas das árbores tampouco poden invadir esta faixa de protección.

-Dende os 10 ata os 30 metros: non pode haber mato, nin piñeiros, nin eucaliptos nin mimosas, especies todas elas que se considera que arden máis facilmente. O resto das árbores (carballos, castiñeiros..etc) deben estar ben separadas entre si.

-Dos 30 aos 50 metros: non pode haber mato e as árbores teñen que estar ben separadas entre si.

Para as aldeas e vilas a lei di que:
-Dende o límite da aldea ou vila ata os 30 metros: non pode haber mato, nin piñeiros, eucaliptos ou mimosas.

-Dos 30 aos 50 metros: non pode haber mato e as árbores teñen que estar ben separadas entre si.

Nas novas edificacións de uso residencial, comercial, industrial ou servizos, instalacións agrogandeiras ou forestais manterase unha faixa de seguridade de 50 metros, nas mesmas condicións que para as casas illadas

Quen son os responsables da limpeza das faixas?
• Propietarios, arrendatarios, usufrutuarios ou titulares dos terreos.

Cando debemos facer esta limpeza?
Antes do 30 de xuño de cada ano.

No caso de non limpar:
O concello notificará a obriga de comezar a limpeza antes de 15 días e en caso de incumprimento poderá:

• Ordenar os traballos de limpeza repercutindo os seus custos nos propietarios.
• Obrigar a que se lle facilite o acceso para o cumprimento subsidiario da limpeza.
• Iniciar o procedemento sancionador.
• No caso de incendio, poderá limpar ou facer traballos preventivos nos predios sen autorización previa.

[box style="0"]

Outras distancias para as masas forestais marcadas pola Lei de Montes
– A solo rústico de especial protección agropecuaria: 10 metros. En zonas de labradío e pastos que non teñan esa clasificación, a distancia redúcese a 4 metros, salvo con eucaliptos, que manteñen os 10 metros.

– A autovías, estradas convencionais e vías férreas: 10 metros os eucaliptos e piñeiros (salvo o silvestre), 4 metros o resto de especies.

– A pistas forestais principais: 2 metros frondosas, 4 metros eucaliptos e piñeiros (salvo o silvestre) con carácter xeral (6 metros en zonas de alto risco de lumes).

– Con edificacións, solo de núcleo rural, solo urbán, solo urbanizable delimitado e parques industriais: 30 metros piñeiros e eucaliptos, 15 metros as frondosas caducifolias.

– A cámpings, gasoliñeiras ou industrias perigosas: 50 metros piñeiros e eucaliptos, 25 metros as frondosas caducifolias.

- A cauces fluviais de máis de 2 metros de ancho: desde o límite do dominio público, 5 metros as frondosas caducifolias, 15 metros eucaliptos e piñeiros.

Para dar alarma de incendio forestal chame ao teléfono 085, a chamada é gratuíta.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada