Granja Campomayor inaugurou este mediodía as súas novas instalacións en Palas de Rei (Lugo), que inclúen unha moderna planta de posta e clasificación, así como unha de pasteurización de ovo, a primeira en Galicia, e a máis punteira de España polo tipo de tecnoloxía que utiliza.
Ao acto de inauguración das instalacións desta empresa familiar asistiron máis de 100 invitados, entre eles provedores e clientes de Granja Campomayor, así como autoridades locais e autonómicas, encabezadas polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
O director comercial de Granja Campomayor, Rodrigo García García, a cuarta xeración desta empresa familiar, destacou o importante salto que supoñen estas instalacións, nas que investiron preto de 11 millóns de euros e que permitiron a creación de 45 postos de traballo.
En especial, destacou que “a partir de agora contamos coa primeira planta de Galicia de ovo pasteurizado e unha das poucas de España nas que se produce o propio ovo que se pasteuriza”.
A planta de pasteurización de ovo máis moderna de España
Ademais, destacou que, das 20 plantas de pasteurización de ovo que existen en España, esta é a máis avanzada tecnoloxicamente. “Unha pasteurización normal chega aos 65 graos, e con este sistema mediante microondas, pioneiro en España, subimos dez graos máis a temperatura, o que permite matar máis microorganismos, aumentar a data de caducidade e mellorar a calidade do ovo”, asegura Rodrigo García.
O ovo pasteurizado é un produto que Granja Campomayor destina ao mercado galego e español. En concreto, o director comercial explica que “o cliente potencial é a industria, cátering, grandes panaderías…etc, e a clara tamén está a ter saída comercial para deportistas e persoas que seguen dietas”.
A capacidade de produción da planta de pasteurización é de 6.000 quilos por quenda de 8 horas. Rodrigo García avanza que no futuro prevén pasteurizar ovo ecolóxico e campeiro con destino á exportación fóra de España.
Unha saga familiar que pasa de 300 a 600.000 galiñas en 60 anos
Granja Campomayor fúndase a principios dos anos 40 con 300 galiñas nunha casa de labranza de Palas de Rei na que se escollían os ovos a man, un a un. Hoxe en día, as instalacións da empresa albergan 600.000 galiñas e producen 14.000.000 de ducias de ovos ao ano. Desas 600.000 galiñas, 125.000 viven en cinco naves integradas para a produción de ovo campeiro, convertendo a Granja Campomayor nun referente na produción alternativa. A empresa colabora tamén con granxeiros na produción de ovo ecolóxico e de paspallás.
Despois da visita, o Director Comercial de Granja Campomayor, Rodrigo García, lembrou ás catro xeracións familiares que “conseguiron situar á empresa no máis alto do sector”. Tamén se dirixiu aos traballadores que “activan a ilusión da empresa día a día” e lembrou que “o sacrificio, o entender a empresa como unha parte máis da familia e o amor polos animais”, foron sempre os alicerces básicos que sustentaron a empresa.
Pola súa banda, o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, falou da importancia de Granja Campomayor no desenvolvemento económico da comarca. A quenda de intervencións pechouna o Presidente da Xunta, Núñez Feijoo, que quixo destacar o papel de Granja Campomayor na economía galega. “Un dos factores esenciais que fai medrar a economía son os emprendedores comprometidos e Granja Campomayor é un exemplo neste sentido”, declarou.