A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo prosegue os preparativos para as seguintes mobilizacións comarcais. Tras o éxito da celebrada o pasado 1 de agosto en Santa Comba, mañá xoves 6 de agosto ó mediodía está prevista a concentración de tractores e mobilización en Chantada. Ó calendario de protestas vén de sumarse unha nova mobilización proposta por gandeiros de Arzúa e Melide, que se manifestarán o luns 10 de agosto. Para o mércores 12 está prevista a protesta en Lalín, para a que onte se celebrou unha reunión de preparación.
O acto previsto para Arzúa queda como segue:
– Concentración de tractores no polígono de Arzúa ás 11 horas do dia 10 de agosto.
– Saída para Melide, dando a volta na Cooperativa Melisanto.
– Concentración diante do Concello de Melide con lectura do manifesto.
– Volta para Arzúa, con concentración na cooperativa Arzuana e manifestación a pé até o Concello de Arzúa con lectura do manifesto.
En canto ó Deza, na reunión de onte acordouse o seguinte plan:
– Xuntanza o dia 11 na Semana Verde cunha pancarta
– Saída de tractores o día 12 ás 11 horas dos concellos de Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada e Dozón para Lalín e concentración nos centros comerciais de Eroski e Pontiñas.
– Manifestación a pé saindo da praza da Marina até a praza da igrexa, lendo un manifesto ás 13:30 horas.
As mobilizacións continuarán en próximas semanas con protestas na Terra Cha, Sarria e Curtis para concluir cunha gran tractorada sobre Santiago a comezos de setembro.