Por terceiro ano consecutivo, a denominación de orixe de Monterrei supera as súas cifras históricas de colleita, acadando este ano os 5.717.465 quilos de uva recolectados. O consello regulador explica os excelentes resultados nas boas condicións meteorolóxicas que acompañaron a campaña.
“Houbo escasez de precipitacións e altas temperaturas, o que adiantou o inicio da colleita ó mes de agosto. Iso permitiunos a recolección gradual das variedades segundo o seu punto óptimo de maduración. Por outro lado, o estado fitosanitario da uva foi perfecto”, explica a presidenta do Consello Regulador, Lara da Silva.
A vendima comezou o 27 de agosto coa adega Pazo das Tapias e concluíu o 30 de setembro, sendo as adegas Franco Basalo e Triay as últimas en pechar o periodo de recolección de uva.
A presidenta do Consello Regulador tamén destacou a “vendima atípica” que viviu a denominación por mor da Covi-19. “Desde o inicio da pandemia, o Consello Regulador priorizou a atención, servizo e seguridade do noso persoal e dos nosos asociados, pero prevención e seguridade non están reñidas co traballo duro. Agora axiña comezaremos outra etapa, que se centrará na promoción da nova añada para favorecer as oportunidades de venda dos nosos asociados”.