A empresa Ence puxo en marcha esta semana unha aplicación (App) gratuita para tablets e móbiles dirixida a propietarios forestais produtores de eucalipto. A aplicación, que xa se pode descargar de xeito gratuito para Android (a través de Google Play) e que estará dispoñible en breve para Apple, axuda ós propietarios a calcular a cantidade de madeira que teñen na parcela e tamén ofrece información forestal varia.
A compañía pasteira precisa que a App ofrece información sobre cuestións como a certificación forestal ou recomendacións técnicas de cultivo e manexo das plantacións de eucalipto. En canto ó cálculo de madeira que hai nunha parcela, a aplicación baséase no número de árbores da parcela e na súa altura e diámetro medio.
A estimación dunha altura media é probablemente o dato que presente maior dificultade para os propietarios, que carecen do instrumental técnico preciso para esa medición. Existen outras aplicacións móbiles que permiten facer estimacións da altura, se ben a súa fiabilidade é discutible, polo que na práctica, a altura media das árbores haberase de estimar a ollo e, polo tanto, o cálculo de madeira que permite a App de Ence será máis que nada orientativo.
Uso de drons na prevención de incendios
En canto a innovacións tecnolóxicas no sector forestal, o Colegio Oficial de Ingenieros de Montes acolleu tamén onte unha presentación de varias empresas que tratan de impulsar o uso forestal dos drons para cuestións como a vixilancia de incendios mediante a toma de imaxes térmicas e visuais.
A lexislación actual, que obriga a manter a proximidade entre o operador e a nave, impide este tipo de usos actualmente, se ben a empresa Eaglevision, que participou na presentación, sostén que nun futuro estes usos serán posibles.