Agroalimentación

44 establecementos turísticos promocionarán os produtos alimentarios co selo de Galicia Calidade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron na entrega de diplomas aos primeiros 44 establecementos turísticos galegos que contan xa co selo de Galicia Calidade

25/09/2017 4:56 p.m.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou este luns, xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na entrega de diplomas aos primeiros 44 establecementos turísticos (43 hoteis, restaurantes e casas rurais e o porto deportivo de Sanxenxo) que contan co selo de Galicia Calidade.

Esta distinción de calidade é posible grazas ao acordo co Clúster de Turismo de Galicia para facer extensiva a marca ao sector.

No acto, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou que Galicia Calidade acredita xa máis de 300 produtos de máis de 100 empresas, e que agora é tamén un valor engadido do turismo galego, reforzando certificados estatais como a Q de calidade, coa que contan xa 282 establecementos galegos.

Os produtos alimentarios galegos xa amparados por Galicia Calidade estarán na carta dos 44 establecementos

Conde subliñou ademais que esta marca avala o servizo e a atención que recibe o viaxeiro, e é ao mesmo tempo unha garantía de que moitos dos produtos alimentarios xa amparados baixo as Denominacións de Orixe Galega e as Indicacións Xeográficas Protexidas están na carta das empresas recoñecidas con esta certificación, establecendo sinerxías co turismo, un sector estratéxico que representa o 11% do PIB galego e o 12% do emprego.

Pódese consultar a lista completa dos hoteis, casas rurais e restaurantes certificados por Galicia Calidade en http://www.galiciacalidadelecer.gal/

Etiquetado
Ir a la portada