Desenvolvemento rural

A nova PAC fai baixar as solicitudes de axudas en 50.000 hectáreas

Os agricultores e gandeiros galegos presentaron 33.034 solicitudes de pago único durante a campaña 2015-2016, unhas 1.400 menos que na de 2014. Baixan en máis de 50.000 as hectáreas con dereito a axuda na Comunidade, sobre todo de pastos

21/10/2015 12:09 a.m.

Os agricultores galegos presentaron 33.034 solicitudes únicas de axuda da Política Agraria Común durante a campaña 2015-2016, o que supón unha diminución de 1.410 con respecto á campaña da PAC 2014-2015, na que se presentaron 34.444 solicitudes.

Así se pon de manifesto nos datos que acaba de publicar o Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA). A páxina web do FEGA publicou os informes que recollen os datos relativos á solicitude única da PAC e o avance de superficies correspondentes á Campaña 2015/2016.

No conxunto de España presentáronse 844.502 solicitudes únicas de axuda da PAC, o que supón unha diminución de 35.715 con respecto á 2014-2015.

Unhas 50.000 hectáreas menos con dereito a axuda do pago único en Galicia

Máis relevante é o dato da superficie correspondente ao réxime de pago básico para a que se presentaron solicitudes de axudas que alcanza en Galicia as 481.131 hectáreas, segundo indicou o organismo pagador. Se comparamos coas 532.158 hectáreas para as que se presentaron solicitudes de axudas na campaña 2014-2015 a diminución coa nova PAC é de máis de 50.000 hectáreas.

Este recorte debeuse sobre todo aos pastos, cuxa superficie para a que solicitou axuda pasou de 437.202 hectáreas en 2014 a 384.451 (298.809 de hectáreas permanentes e 86.362 de pastos temporais na presente campaña). Gran parte desta redución débese á exclusión de boa parte dos pastos en aproveitamento silvopastoral, tal e como denunciaron os sindicatos agrarios en varias ocasións.

No resto de cultivos mantivéronse as cifras: 65.379 hectáreas de millo para as que se solicitan axudas (unhas 2.400 menos que en 2014) e 11.664 de trigo brando, entre outras.

No conxunto de España, a superficie correspondente ao réxime de pago básico para a que se presentaron solicitudes de axudas alcanza case os 22,63 millóns de hectáreas, fronte aos 23,69 millóns de hectáreas do ano pasado.

O FEGA lembra que estes informes elabóranse coa información sobre solicitudes únicas de axuda e a superficie declarada nas mesmas, que as comunidades autónomas remiten ao FEGA.

Os datos que se mostran en cada informe son datos provisionais e consolidaranse ao longo do próximo mes de novembro coas modificacións que se incorporen como consecuencia do proceso de revisión de expedientes que efectúan as comunidades autónomas.

Etiquetado
Ir a la portada