Falamos con Servando Álvarez Pousa , director técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo de Limia, dependente do INORDE (Deputación de Ourense) sobre o proceso de declaración da comarca da Limia como Zona Vulnerable ós Nitratos (ZVN) por parte da Xunta de Galicia.
A Xunta ven de iniciar o procedemento para declarar a Limia como Zona Vulnerable á Contaminación por Nitratos. Como inflúe a orograría e o tipo de terreo na comarca en que sexa máis sensible á contaminación da augas por nitratos?
Efectivamente a orografía non axuda moito a evitar ese tipo de problemas. Temos que entender que a Limia é unha vacía a nivel xeolóxico, non deixa de ser como unha enorme palangana e por abaixo está totalmente impermeabilizada e a única saída natural é o río Limia por Ponte Limiares, entón, todo o que se acumula na comarca, fertilizantes, orgánicos ou inorgánicos, todo o que poida resultar de depuracións de depuradoras de auga residuais… Todo o que ven producido polo xeito de vida dos habitantes da Limia, se vai concentrando por ese cauce de auga e sae por Ponte Limiares. Por outro lado, temos que considerar que é unha sorte porque aquí en Galicia temos uns niveis de materia orgánica moi elevados, se no resto do estado lles falas de niveis de un 8%, 10%, 40%, dirán: que sorte tedes. E efectivamente, temos unha sorte porque ter eses niveis de materia orgánica leva consigo unha conservación do solo. Que pasa? Que esa materia orgánica, pola súa forma de conservarse vaise degragando, vaise descompoñendo, e vai liberando nutrintes ao solo, e claro, ese nutrientes se van concentrando e se van collendo no río Limia e acaban nese cauce de auga. Ainda que a actividade agraria da Limia fora nula, probablemente todas esas evolucións da materia orgánica que se transfiren en forma de compostros nitroxenados se recollerían e saltarían na análise. Resumindo un pouquiño, a Limia é o modelo perfecto dun sistema no que todo o que entra nesas 25.000 HA que hai na Limia, se vai concentrar e recoller nun único punto que repite o río Limia na saída natural que é por Ponte Limiares.
-A orografía favorece, pero a orixe principal está na actividade humana. Que causas considera que están detrás desta vulnerabilidade á contaminación por nitratos?
A declaración de zona vulnerable a nitratos da zona da Limia non deixa de ser un aviso en que algo no proceso de produción das actividades dos seres humanos que realiza nesta chaira, está tendo algún desaxuste na forma de comportarse do ser humano co medio. Lóxicamente, tendo en conta que a Limia é unha zona con gran potencial agrícola e gandeiro, como actor implicado están estes dous grandes sectores. Que pasa? Que tanto os agricultores como os gandeiros da Limia teñen claro que teñen que conservar de forma sostible este medio no que viven e do que eles viven.
A Limia é unha das comarcas de Galicia na que máis relevo xeracional hai, entón agricultores e gandeiros son os principais interesados en que se siga manteñendo a súa forma de vida. Por suposto a declaración de zona vulnerable de nitratos levará asociado unhas maneiras distintas de traballar como se estaba traballando ata agora, lóxicamente.
-Poderíase concluír que coa carga gandeira que hai na comarca, sería viable e recomendable prescindir da fertilización química?
Eu non me sinto capacitado para dicir iso… Realmente a declaración é precisamente iso, a declaración dunha zona vulnerable, ten que vir asociada a un plan rector e de xestión de como se vai traballar nesa zona vulnerable, pero cando fas referencia a substituír abono químico por abono biolóxico ou orgánico, temos que ter en conta que o que agora nos toca en Galicia xa leva moitos anos en Cataluña, Aragón, Andalucía… Todos os plans xestores encamiñados a reducir eses desaxustes que mencionei antes van en relación co manexo de abonos orgánicos.
As limitacións de 170kg por HA que marca o Real Decreto, a norma esta que regula as zonas vulnerables, atinxe únicamente aos abonos orgánicos, non aos abonos químicos. Hai que esperar á lexislación que saquemos na Comunidade Autónoma de Galicia para poder comentar estas salvedades. Dito isto, e sen prexuízo do que acabo de dicir, sendo un pouco máis xeralista, e dentro das correntes económicas do mundo actual, lóxicamente está cobrando moita forza os termos de economía circular, aproveitamento das distintas cadeas de valor para ir todos a unha.
Independentemente de que cada lexislación permita ou non abonado químico ou orgánico, se nunha comarca coma esta dispoñemos de abonado orgánico dabondo como para cubrir polo menos as necesidades nutricionais do nitróxeno nos cultivos pois é algo que habería que utilizar, primeiro porque vai ser económicamente máis rendible e vai en fomento desa sustentabilidade.
-O Ministerio de Agricultura aconsella como boas prácticas non exceder as 210 unidades de nitróxeno por hectárea e ano. Hai quen día que os límites do Ministerio son cuestionables pois habería que ter en conta as extraccións dos cultivos cando se fan dous cultivos anuais e tamén a pluviometería e tipoloxía do solo de cada zona. Que opina aos respecto?
Totalmente de acordo, pero o Ministerio cando fala dos 210 Kg por HA é de nitróxeno orgánico, e o mesmo decreto di que no caso que as extraccións do cultivo sexan superiores a esas 210 en primeira instancia e 170 en segunda instancia, se podería complementar con aportes minerais ou químicos.
Que nos pode parecer unha contradición que haxa que limitar o uso de abonos orgánicos e ao mesmo tempo fomentar una produción de base en abonos orgánicos. Mellor sempre van a ser as fontes orgánicas, por defensa do solo, da biodiversidade. Pero cando utilizas un abono químico, sabes perfectamente como se vai comportar, contas cunha solubilidade, coñécese o seu comportamento ante temperatura, humidade… Entón, cando botas no solo sabes canto tempo vai estar no solo. Cando botas un abono orgánico, tes que darlle tempo a que esas formas se mineralicen e pasen a ser formas e moléculas capaces de ser absorvidas pola planta, e ese leva un tempo e iso si que se vai comportar de forma distinta segundo a humidade, temperatura… E por iso o goberno cando fala disto fai especial foco a nivel de cantidade sobre os niveles orgánicos.
A orde ministerial refírese a abonos orgánicos, non a cantidades totais
Que pasa cos abonos químicos? Cando utilizas un abono químico, lóxicamente ten que ser en base a unha análise do solo e vanche recomendar ou case obrigar a que ese abono non o botes como se fai en moitos casos, todo en fondo, todo xunto, senón que o vaias repartindo en diferentes coberteiras e distintas aplicacións según as necesidades nutricinais do cultivo. É algo que ten saído en prensa estes días, que se fala moito desas 210kg por HA, 170kg por HA, a orde ministerial se refire a abonos orgánicos, non a cantidades totais. Efectivamente, xa non falo de patacas, pero unha produción rendible de millo con 170kg de nitróxeno por HA solo, non é rendible. Non che daría unha produción suficiente para que a explotación fora rendible.
-Que niveis medios de unidades fertilizantes por hectárea viñan empregando ata agora os agricultores da Limia?
Depende do cultivo. A nivel de pataca teríamos que abrir unha discusión segundo a variedade, se é para frito ou para consumo… Pero botando medias, pódoche dicir que non se supera nin de lonxe as cantidades que o propio Ministerio indica na publicación que ten na fertilización racional dos cultivos… O Ministerio fala ás veces de 250 kg por HA e na Limia nos movemos na orquilla dos 200 kg por HA, entón estamos por debaixo da publicación do Ministerio en condicións normais e o único que había que facer é adaptar ese abonado orgánico a esas cantidades máximas, e facer rotacións e coberteiras de abonado químico para que complemente ese abono orgánico e non vaia todo xunto e se vaia repartindo ao longo do ciclo e cultivo.
En cereal, falo de memoria pero penso que o Ministerio no tema desta publicación que ten de referencia que é a fertilización racional dos cultivos, fala de cultivos de cereal, cultivos de trigo, a redor das 150 kg de nitróxeno ao ano, e na Limia rara vez se superan os 100… É dicir, non se poden facer normativas xeralistas, de café para todos, hai que adaptalas ao terreo, orografía e condicións climáticas e quero pensar que é o que está facendo a Xunta de Galicia nestes momentos.

Mostras de terra no laboratorio de INORDE
-Ve viable acadar os mesmos rendementos dos cultivos na Limia como ata agora cun límite maximo de 170 unidades de nitróxeno?
Se son 170 unidades de nitróxeno lóxicamente van baixar as producións, pero facemos caso á normativa existente, pois non sabemos a que vai sacar a Xunta de Galicia, habería que esperar… Pero a nivel estatal do Ministerio e noutras comunidades autónomas, repítese que son 170 kg de nitróxeno orgánico, a propia norma fai referencia a que no caso de quedarse por debaixo das extraccións habería que complementaras con fertilización química, 170 para a Limia, polo menos na pataca, no rango de producións que estamos sacando agora, de 50.000-55.000 kg por HA sobre todo variedades para frito, quedaríase un pouco curto.
Se me falas dunha variedade Kennebec amparada pola IXP, que se busca quizáis máis calidade organoléptica e non tanto o Kilo, probablemente serían suficientes, hoxe a Limia o que máis produce son variedades de fritos e se queres defenderte no mercado de fritos de patacas tes que estar por riba deses 50.000-55.000 kg por hectárea.
“Hai que buscar a maneira de ese abono orgánico manexalo de xeito que se poida compostar e incluír nas rotacións cultivos para abono en verde”
-Que alternativas agronómicas considera máis factibles para manter a rendibilidade das explotacións agrícolas da LImia neste novo contexto?
Iso ven de vello, é a rotación de cultivos, o agricultor ten que incluir máis rotación de cultivos e eses aportes, porque si que nos limitan a cantidade de 170kg de nitróxeno orgánico iso vai implicar que vamos poder botar menos esterco do xeito que se está botando agora. Hai que buscar a maneira de que ese abono orgánico manexalo de xeito que se poida compostar, que se poda facer outro tipo de produtos máis manexables, e á hora de suplir ese déficit de materia orgánica que podemos ter pola limitación dos abonos orgánicos, haberá que integrar nos ciclos de rotación cultivos en verde, abonados en verde, rotación de cultivos..etc.
Non é nada novo porque os agricultores da Limia xa está afeitos a tratar porque lles ven imposto ou recomendado polas distintas políticas que regulan a Política Agraria Común, que pasa? Iso en teoría está moi ben, pero xa levamos uns anos que vemos que na Limia os patróns climáticos están cambiados e todos aqueles cultivos que tradicionalmente se botaban no inverno como o trigo de inverno, o centeo, colzas e demais, levamos un ciclo de 2-3 anos que é imposible porque toda a precipitación do ano, eses 800-700L por m2 de media, en vez de estar repartidos ao longo do ano coma antes, se concentran no mes de outubro e marzo- abril, co cal o temos improductivo.
Entón hai que confiar nos cultivos de primavera, pero na primavera dáse xustamente o contrario que no inverno, non chove nada e as temperaturas son máis altas que hai anos, co cal che imposibilita para empregar outro tipo de cultivos. Hai que darlle voltas ao asunto, nestes casos as Administracións e colectivos afectados téñense que sentar e buscar esa alternativa común que permita que as explotacións sigan sendo rendibles pero coa mirada ben posta na sostenibilidade do medio.
“Na Limia estamos bastante por debaixo do límite máximo que marca o Ministerio na Guía de Fertilización Racional dos cultivos”
-Ten información dos límites máximos de abonado que se establecerán para cada cultivo?
A día de hoxe a información que temos ou o que hai escrito é a Guía de Fertilización Racional dos cultivos en España do Ministerio, que xa ten unha serie de anos, que son topes bastante altos, e na Limia en todos os casos se está moi por debaixo deles. E no resto, cando posteriormente á aplicación da normativa de zona vulnerable, a Xunta de Galicia ten que sacar un Plan Reitor ou unha Orde. E aí teremos as cousiñas un poquiño máis claras.
-Hai tamén aspectos clave no manexo dos xurros e dos estercos da Limia que se poderían mellorar para ser máis eficientes e reducir as perdas de nitróxeno? Cales?
A día de hoxe os números son claros. Empregando un abono de polo que é bastante común na zona da Limia, o galinazo, usas un produto que ten entre un 2-4% de nitróxeno total, claro, implica que a cantidade que tu podes botar por hectárea vai ser moi pequeniña, entón hai que buscar un xeito que manexemos estes produtos mantendo os niveis de matería orgánica pero baixando a concentración de nitróxeno, como pode ser iso? A día de hoxe a tecnoloxía che permite facer compostaxes, facer plantas de recuperación de nitróxeno, facer plantas gasística a tecnoloxía é moita. Tanto as Administracións implicadas como o sector agrogandeiro tense que poñer dacordo en ver cal é a forma de poder evitar que o que debería de ser un recurso, debería ser esa riqueza en nitróxeno que temos na zona, a día de hoxe o estemos considerando como un problema porque non sabemos que facer con el… Iso é o que habería que cambiar.
-Que papel pode e debe xogar o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro nesta nova situación?
Estamos á disposición sobre todo dos agricultores e gandeiros porque este centro creouse para apoiar técnicamente ao sector… Xa levamos anos co laboratorio de análise e demais, procurando que a fertilización sexa o máis rendible posible, tanto a nivel económico como medioambienta… Impartimos formación, probamos cultivos, e xustamente en relación a esto estamos a piques de instalar un novo equipo… Porque o que non facíamos agora era a determinación das distintas formas de nitróxeno no solo, e xa que a posta en marcha desta declaración de zona vulnerable a nitratos, co apoio da Presidencia da Deputación e INORDE, deuse o apoio para poder comprar este tipo de equipos e poder ofrecerlle aos agricultores esa análise das distintas formas de nitróxeno no seu solo que vai ser fundamental á hora de realizar plans de abonados e determinar as calidades químicas e nutricionais dos compostos orgánicos e quizáis unha ferramenta máis para poder facer eses plans de fertilización un pouquiño máis axeitados ao medio e darlle unha ferramenta máis para cumplir a lexislación que lle van esixir.

Traballos de laboratorio en INORDE
-As plantas de biogás para os xurros e estercos que propón a Xunta considera que poden ser unha solución para o caso da comarca da Limia? Que erros habería que evitar na súa opinión?
Calquera tecnoloxía que sexa capaz de revertir esa idea que temos de que os xurros ou estercos sexan un problema, benvida sexa. Lóxicamente aí terán que facer as Administracións e colectivos implicados unha análise de coste-beneficio para ver cal é a tecnoloxía que máis se adapta á zona. Hoxe no mercado hai teconoloxía suficiente para resolver este tipo de problemas. Que erros se poden cometer? Hai que concienciar tanto ao sector agrícola e gandeiro como á produción en xeral de que estas plantas son necesarias porque normalmente cando falamos de facer unha serie deste tipo de infraestructuras naide a quere ao lado da súa casa. Hai que facer moita formación e concienciación e mirar en base a unha análise de coste-beneficio se mellor opción é facer unha planta centralizada que sexa capaz de absorver todos eses subprodutos que hai na zona ou se quizaís sería máis recomendable máis plantas máis pequenas ou combinando distintos sistemas, que foran capaces de diversificar un pouco máis o tratamento destes subprodutos, e quizáis buscarlle distintas saídas, pero repito, hoxe tecnoloxías hai, isto tense que basear nunha análise de coste-beneficio no que tamén a opinión e carga social tamén ten moito que dicir.
-Sen embargo, o dixestado resultante do proceso seguirán mantendo uns niveis de fertilizantes similares ás dexeccións gandeiras pero moito máis concentrados. ¿Que retos supón a súa apliación para que non volvamos cometer os mesmos erros?
A día de hoxe este tipo de tecnoloxías non se poden contemplar como un conxunto pechado, é dicir, efectivamente o manexo dos puríns, se lles sacas auga e tes un dixestato concentrado rico en nitróxeno, en fósforo, potasa… Pero realmente iso non é un problema, pois partes dun produto líquido que é moi malo de manexar porque transportar auga é caro, a un produto sólido e ese produto sólido, que despois o podes compostar ou engadir outra serie de inertes ou procesos que o fagan un produto manexable, repito, temos que cambiar a idea de que os subprodutos gandeiros son un problema, e temos que consideralos unha oportunidade á hora de mellorar o aspecto medioambiental e tamén o económico, é dicir, hai 3 anos, co tema da Guerra de Ucrania, o tema dos fertilizantes químicos disparáronse os prezos case un 200% porque non había nitróxeno inorgánico no mercado, e resulta que na mesma época nos plantexamos un problema que temos un exceso de nitróxeno orgánico na Limia… Algo non estmos facendo ben a nivel medioambiental e a nivel económico, porque por un lado temos a carencia dun produto e por outro lado decimos que temos un exceso de produto.
-Coa previsible declaración da Limia como Zona Vulnerable á Contaminación por Nitratos para o mes de maio, como ve a situación da agricultura e da gandería da comarca de aquí a 5 anos?
O agricultor está concienciado no respecto medioambiental porque é a súa forma de vida e a súa ferramenta de traballo, e repito, é unha das poucas comarcas a nivel galego na que hai un certo relevo xeracional, é dicir, que os fillos dos agricultores de hoxe contan con quedarse coas explotacións, entón hai que manter iso. A declaración da zona vulverable é un aviso de que algo está fallando. Entón, temos que poñer todos os hombros para procurar que iso deixe de fallar. Falta ver como van ser tanto as limitacións como as recomendacións das Administracións responsables, neste caso a Xunta de Galicia, e falta ver como podemos levalas a cabo por toda a problemática que levamos falado, o cambio climático, de que no inverno non se poden poñer cultivos e demais. Eu penso que quizáis desto espero que a agricultura da Limia salga reforzada deste proceso que vamos a vivir, porque por fin se lle vai demostrar que hai que aproveitar todas estas normativas para demostrarlle ao consumidor final é o xefe último dos agricultores porque é o que compra os produtos… E si que levamos anos co run run de que na Limia se están facendo as cousas mal, que hai contaminación difusa… Pois quizáis demostrarlle ao consumidor final que os produtos que salen da Limia con todas as garantías e por tanto non só van ser produtos de calidade, que por suposto que o son e seguirán sendo. Son produtos sanos porque os estándares de calidade e analíticas e probas de calidade e as probas que teñen que pasar os produtos son moi altos, senon que ademais vamos poder demostrar ao sector do consumo que os produtos da Limia levan asociada unha conservación do medio natural e do medio ambiente.