A zona demarcada polo nematodo do piñeiro gaña terreo cara ó norte e abarca 71 concellos

Ante o aumento de positivos e a súa expansión xeográfica, a Xunta define unha zona infestada de 24 concellos do sur de Pontevedra e outra tampón que abarca 27 concellos de Ourense e 20 máis de Pontevedra

Publicidade
A zona demarcada polo nematodo do piñeiro gaña terreo cara ó norte e abarca 71 concellos

Trampa para captura do insecto vector do nematodo do piñeiro. / Arquivo.

O nematodo do piñeiro está en Galicia para quedarse. O aumento de positivos da praga e a súa expansión xeográfica á provincia de Ourense vén de obrigar á Xunta de Galicia a definir unha nova zona demarcada do nematodo do piñeiro. En comparación coa anterior, a zona demarcada gaña terreo cara ó norte, collendo zonas como o Morrazo, o propio concello de Pontevedra, Cerdedo – Cotobade ou O Carballiño (Ourense).

En total, son 71 os concellos afectados, 24 do sur de Pontevedra, catalogados como zona infestada, e outros 20 concellos desa provincia e 27 máis de Ourense catalogados como zona tampón, nos que tamén houbo positivos nalgún caso, como Lobios, pero que se consideran nun grao de ameaza menor.

Evolución e contexto
Cando no 2010 se detectou por primeira vez a praga en Galicia, no concello das Neves (Pontevedra), o sector forestal pensou que era posible erradicar a praga, pero a partir do 2018, con 5 novos positivos no sur de Pontevedra, o diagnóstico empeorou.

No 2020, unha auditoría europea advertiulle a Galicia de que probablemente a praga estaba máis extendida do que identificara a Xunta, pois atopáranse nematodos tanto en madeira galega exportada a Europa como en madeira pendente de serrar nunha industria da zona demarcada. A auditoría europea urxiu a Xunta a facer máis e mellores controis en monte.

Un ano despois, os positivos comezaron a dispararse. Entre o 2021 e o 2022 rexistráronse un cento de positivos na zona demarcada, que no 2023 ascenderon xa a 239. Do total de mostras tomadas en monte, máis dun 10% están a dar positivo, unha porcentaxe similar á que se manexa en Portugal, país no que a praga se extendeu xa practicamente por todo o territorio, desde a súa chegada a Setúbal a finais dos anos 90.

Resolución
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se declara a contención, en lugar da erradicación do nematodo, na zona demarcada das Neves (Pontevedra) e, ademais, establécese a nova zona demarcada e as medidas para o control deste organismo de corentena.

A resolución establece as medidas de control que terán que adoptar os propietarios das parcelas, ou no seu defecto as administracións implicadas. Na zona tampón, establécese a retirada do monte de tódalas coníferas secas, enfermas ou afectadas por lumes forestais ou tormentas, pois considéranse hóspedes propicios para o insecto vector da praga, o ‘Monochamus galloprovincialis’.

Na zona infestada, sen embargo, só se obriga á retirada e destrución das árbores nas que se detecten positivos do nematodo do piñeiro.

A orde tamén establece medidas para o traslado e circulación de madeira en rolla e plantas. A madeira serrada que saía da zona demarcada deberá ademais ter recibido o tratamento térmico esixido pola normativa para garantir que non alberga nematodos.

Necesidade de control de árbores decaídas en monte
Trala primeira detección de positivos da praga na provincia de Ourense, a finais do ano pasado, desde a Asociación Forestal de Galicia advertiron da necesidade de aumentar os controis en monte sobre as árbores secas ou enfermas, principais dianas do insecto vector da praga para a súa expansión.

A maioría dos montes veciñais fan un control periódico das árbores en monte, pero nas propiedades particulares detéctanse maiores problemas. A Xunta ten contratado con Tragsa a vixilancia dos piñeirais en monte na zona demarcada, para que proceda á retirada das árbores secas ou decaídas cando non o fan os propietarios, pero no sector advírtese de que ese esforzo débese aumentar.

Planta resistente ó nematodo
Outra liña de traballo na que está embarcado o conxunto da cadea forestal é a obtención de planta resistente ó nematodo do piñeiro. Os viveiros galegos xa iniciaron a comercialización de piñeiro do país con alta resistencia ó nematodo, se ben o seu alto prezo, no entorno de 90 céntimos / unidade, e a escasez de planta destas características, dificulta a súa xeneralización.

Debate no parlamento
A finais de xaneiro, a Comisión de Agricultura do Parlamento galego debatiu a situación do nematodo. Foi a raíz dunha proposición non de lei do Grupo Socialista, coa que se solicitaba un plan de actuacións por parte da Xunta para facer fronte á praga.

“Entendemos que, no caso de non conseguir erradicar a praga, precísanse medidas de medio e longo prazo para que os propietarios e as comunidades de montes non abandonen o piñeiro”, reivindicou a voceira socialista Carmen Rodríguez. Emprazaron ademais a que o plan se presentase nun prazo de 3 meses.

Pola súa banda, dende o Partido Popular propuxeron unha emenda do texto inicial na que se propoñía executar un plan de xeito coordinado entre as Consellerías de Industria e Medio Rural, botando man do traballo realizado nos últimos anos no Centro de Investigación Forestal de Lourizán sobre o piñeiro do país e a obtención de planta resistente a esta doenza.

Ademais incluían unha petición de colaboración ó Ministerio de Agricultura, ó tratarse dunha praga de corentena.

O punto discordante foi que non se chegara a concretar un prazo para a súa posta en marcha, demandado polos socialistas, polo que a maioría parlamentaria tumbou a proposta.

Ámbito xeográfico da zona demarcada

Zona infestada, delimitada pola liña vermella, e zona tampón, pola liña azul.

Zona infestada, delimitada pola liña vermella, e zona tampón, pola liña azul.

Concellos total ou parcialmente incluídos na zona infestada:
A Cañiza, A Guarda, Arbo, As Neves, Baiona, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui e Vigo, na provincia de Pontevedra.

Concellos total ou parcialmente incluídos na zona tampón:
Ourense: A Arnoia, Avión, Bande, Beade, Beariz, Boborás, Carballeda de Avia, O Carballiño, Cartelle, Castrelo de Miño, Celanova, Cenlle, Cortegada, Entrimo, Gomesende, Leiro, Lobeira, Lobios, Melón, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás, Ribadavia
San Amaro, Toén e Verea, na provincia de Ourense.

Pontevedra: A Cañiza, Bueu, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, A Lama, Marín, Moaña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Pazos de Borbén, Redondela, Sanxenxo, Soutomaior, Vigo e Vilaboa, na provincia de Pontevedra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información