A XXVII Feira do Viño de Valdeorras arranca no Barco cunha gran afluencia de público e o impulso do 80 aniversario do Consello Regulador

O evento marca o inicio dunha fin de semana na que os viños da denominación se converten nos grandes protagonistas, acompañados de actividades gastronómicas, culturais e de lecer para todos os públicos

Publicidade

inauguracion feira do vinho valdeorras 26O Paseo do Malecón do Barco de Valdeorras acolleu esta tarde a inauguración da XXVII Feira do Viño de Valdeorras, un acto que marca o inicio dunha fin de semana na que os viños desta denominación de orixe serán os grandes protagonistas, amosando a súa calidade, diversidade e o prestixio que avala esta comarca como un dos referentes vitivinícolas de Galicia. Todo isto no marco dunha edición especialmente significativa, na que o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras celebra o seu 80 aniversario.

Como novidade, a apertura celebrouse por primeira vez en venres, unha decisión que propiciou unha notable afluencia de público desde o primeiro momento. A convocatoria resultou un éxito, con centos de persoas que se achegaron ao recinto e cifras de asistencia que superan as rexistradas en edicións anteriores.

Durante o acto estiveron presentes a conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles Remy; a delegada especial para Valdeorras da Deputación de Ourense, María Carmen González; o alcalde do Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso; e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Marcos Prada.

Ao acto inaugural tamén asistiron outras autoridades, entre elas Martín Alemparte, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria; Emma González, xerente do Inorde; así como varios deputados autonómicos e provinciais, ademais de alcaldes e concelleiros, que percorreron as casetas das adegas participantes e saudaron aos asistentes durante esta primeira xornada.

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Marcos Prada Ginzo, destacou que Valdeorras “é un territorio cunha tradición vitivinícola documentada e continuada que abrangue máis de mil anos de historia”, no que “non só se recuperou o godello, senón que se consolidou e se proxectou ao mundo, converténdose no seu gran sinal de identidade”.

Así mesmo, subliñou que “a Feira do Viño converteuse nun dos grandes espazos de encontro, proxección e celebración dos viños do noso territorio”, e sinalou que nesta edición cóntase coa participación de 22 adegas, “a cifra máis alta da última década, o que evidencia o bo momento do sector”.

Valoración do labor ben feito

Pola súa parte, a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, afirmou que os viños de Valdeorras “levan tempo situándose entre os máis recoñecidos nos grandes certames, onde se valora o labor ben feito e a calidade que hai detrás de cada botella”. Todo, destacou, grazas ao traballo de toda unha comarca, “dun saber facer colectivo que combina tradición e innovación, e por iso triunfa”. Salientou tamén o papel do Consello Regulador da D.Oc polo seu pulo “constante de defensa, control e promoción destes viños e desta terra”.

“Esta edición chega repleta de novidades, como un día máis de celebración, un cambio de localización e un récord de participación de adegas, que responden a unha aposta firme por mellorar, medrar e consolidar a Feira do Viño como un referente”, declarou o alcalde, Aurentino Alonso.

Embaixador de Valdeorras

O actor e cantante valdeorrés Christian Escuredo foi o encargado de pronunciar o pregón do acto inaugural, unha intervención especialmente aplaudida polo público. Escuredo, moi vinculado ao Barco de Valdeorras, puxo en valor os viños desta denominación de orixe e actúa como auténtico embaixador da comarca nos seus distintos proxectos artísticos, tanto dentro como fóra de España, incluíndo a súa proxección internacional en países como México.

O brinde inaugural e o percorrido polas diferentes casetas das adegas, así como polos cinco postos de Artesanía Alimentaria, puxeron o broche final ao acto, dando paso a dúas xornadas repletas de actividades, propostas gastronómicas e animación arredor da XXVII Feira do Viño de Valdeorras. A xornada inaugural completouse ademais co concerto do Grupo América, que puxo a nota musical á noite.

A actividade continúa

As xornadas do sábado e domingo estarán repletas de actividades, entre as que destacan:

Sábado:
• Cata maridada, con propostas gastronómicas de Artesanía Alimentaria e viños da Denominación de Orixe Valdeorras.
• Showcooking a cargo do recoñecido chef José Manuel Mallón.
• Música en directo, coa actuación da Orquestra Olympus.
• Charanga Charandonga.

Domingo:
• Charanga Terras do Bibei.
• Actividades infantís no Xardín Botánico durante toda a fin de semana (sábado e domingo).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información