O Recinto Feiral de Silleda, en Pontevedra, acolleu esta mañá a XVII Xornada Técnica para Responsables de Calidade das Fábricas de Galis, un evento clave para o sector agroalimentario. A xornada, que se enmarca na celebración da VI Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, conta coa participación da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) no seu comité organizativo.
Durante esta xornada, ofrecéronse relatorios e unha mesa redonda na que participaron todos os expertos alí reunidos sobre temas fundamentais como a nova regulación de envases, os aspectos prácticos do Regulamento 2024/1229, as desviacións nas inspeccións oficiais, e as previsións para 2025.
A xornada comezou ás 10.00 horas, coa presentación a mans de Bruno Beade, director de Agafac. A continuación, Luisa Delgado, responsable do departamento técnico da asociación, foi a encargada de falar das actualizacións do programa Galis, así como de realizar un recordatorio aos alí presentes, profesionais do sector, de como o sistema xestiona as micotoxinas nas materias primas utilizadas polos fabricantes.
Normativa sobre contaminación cruzada
Pero sen dúbida, un dos temas centrais da xornada técnica foi a exposición de Eugenio Cegarra, presidente da Comisión Técnica de Galis, na que detallou os aspectos máis importantes do Regulamento 2024/1229, que establece os niveis máximos específicos de contaminación cruzada de principios activos antimicrobianos en pensos non destinatarios e métodos de análises destes principios en pensos.
Nesta mesma liña, a xornada continuou co relatorio de Lucía Botana, que profundou un pouco máis respecto a as obrigacións derivadas da aplicación do Real Decreto 1055/22 sobre envases e residuos de envases, que afectan a todas aquelas empresas que poñen no mercado produtos envasados.
A experta tratou tamén as implicacións prácticas que esta normativa ten para as fábricas de Galis, destacando a necesidade de adaptarse aos novos estándares para garantir a calidade, seguridade e sustentabilidade nos envases utilizados na industria agroalimentaria.
Desviacións en inspeccións oficiais
O evento continuou coa intervención de José Antonio Varela, xefe de área do Servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras da Xunta de Galicia. O experto centrou a súa exposición nas desviacións detectadas nas inspeccións oficiais.
Nesta sesión, os participantes puideron coñecer de primeira man os principais achados das inspeccións recentes e discutir os problemas recorrentes nas fábricas de Galis. Abordáronse as medidas correctivas necesarias para evitar desviacións no futuro, centrándose en como os inspectores enfocarán os controis oficiais dos distintos regulamentos que se poñen en marchas estes anos.
Un espazo de formación e actualización para o sector
A XVII Xornada Técnica para Responsables de Calidade das Fábricas de Galis consolídase así como un evento imprescindible para a formación continua dos profesionais do sector.
Ao longo do día, os asistentes tiveron a oportunidade de actualizarse nos últimos avances lexislativos, compartir experiencias, e recibir recomendacións para mellorar a calidade nas súas fábricas. Este encontro representou un espazo crave para a interacción e o intercambio de coñecementos entre os actores máis importantes da industria agroalimentaria.