Verín acollerá do 9 ó 11 de agosto a XVII Feira do Viño da Denominación de Orixe Monterrei. Un ano máis e durante tres días, a praza da Alameda converterase no epicentro do mundo vitivinícola. A cita, que foi presentada este xoves, ofrece tanto a oportunidade de degustar os viños máis destacados da denominación de orixe, así como de desfrutar dunha completa programación cultural e gastronómica.
Nesta ocasión asistirán un total de 19 das 29 adegas que conforman a denominación. Nesta edición súmase unha adega máis que na anterior, o que constitúe unha cifra histórica e revela o gran apoio do sector a esta cita vitivinícola, tal e como recoñece o presidente do Consello Regulador da DO Monterrei, Jonatás Gago García.
Así, as adegas participantes son as seguintes: Bodegas Ladairo, Gargalo, Valderello, Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Triay, Adega Tapias Mariñán, Fragas do Lecer, Via Arxentea, Bodega Abeledos S.L., Setembro, Bodega Franco Basalo, Adegas Daniel Fernández, Adega Trasdovento, Adega Quinta Soutullo, Manuel Vázquez, Serra de Alén, Ramón Bigotes.
Ademais dos stands das adegas, estarán presentes postos gastronómicos aptos para todos os públicos. O horario de apertura dos stands será o seguinte: venres 9 de 19.30 a 24.00 h. (venda anticipada a partir das 19.00 horas), sábado 10 de 12.30 a 14.30 h. e de 19.30 a 01.00 h., e domingo 11 de 12.30 a 14.30 h e de 19.30 a 24.00 h. Nesta edición, os prezos volverán ser de 5 degustacións por dez euros e unha copa personalizada da D.O. por 2 euros.
Con respecto aos postos de gastronomía, un máis que na pasada edición, estarán presentes La Alacena para levar, Panadería Roscas, Cárnicas de Feces, Matilde Waffles e Gelados, Alacena-Puebla de Sanabria, Jamones Don Francisco, Conservas Regiomare, Queiseria Gaia, Xavier dos Leitões y Casa do Pulpo.
Axenda de actos
Cultura, gastronomía, música e viño uniranse un ano máis no marco da Feira do Viño de Monterrei, entre as que se incluirán diversas actividades paralelas destinadas a adultos e público infantil.
Os actos da XVII Feira do Viño de Monterrei iniciaranse ás 18.30 horas, do venres 9, coa Confraría dos Viños de Monterrei. Celebrarase na Igrexa Parroquial de Verín, e nesta edición serán cinco as persoas galardoadas. Ás 20.00 horas, e xa na praza Maior realizarase o acto inaugural.
Mentres que para a cativada están previstos para o sábado 10 e o domingo 11 de agosto xogos infantís populares (en horario de 20:00 a 22:00 horas); para o público adulto realizaranse catas e showcookings na praza da Alameda.
O sábado 10 de agosto, ás 13:00 horas, David Pascual, presidente da Asociación Galega de Enoloxía, presentará “Elaboracións, variedades e chans da D.O. Monterrei”. Máis tarde, ás 20:00 horas, realizarase “Sinfonía de sabores: harmonía de viños de Monterrei, gastronomía e música”, coa participación de Begoña Vázquez (O Regueiro da Cova), Miguel López (director técnico do C.R.D.O. Monterrei) e José Manuel Salgado (profesor do CMUS Verín).
O domingo 11 de agosto de 2024, ás 13:00 horas na praza da Alameda, Juanjo Figueroa Treus, presidente da Asociación Galega de Sumilleres (AGASU), ofrecerá a charla “O Godello: tipicidade e misterios do rei dos brancos”. Todos estes eventos teñen un prezo de 5 € e prazas limitadas con inscrición previa.
Segundo confirmou a concelleira de Cultura e Festexos, Samanta Barreira, tamén haberá unha completa programación musical especialmente preparada para o desfrute de todos os públicos. “Cada ano, traballamos para mellorar e innovar a programación cultural da feira. Nesta edición contamos cunha variada selección musical, que inclúe artistas de renome, e talento local”, declarou Barreira.
Programa musical
O venres 9, a partir das 20:00 horas, a Banda de Gaitas do Concello de Verín amenizará o acto inaugural oficial coa súa música en directo. Xa pola noite, ás 24:00, será a quenda de Mercedes Peón.
O sábado 10, a música seguirá sendo a protagonista, con animación en directo da Banda de Gaitas do Concello de Verín entre as 13:00 e as 14:00 horas. Xa, ás 24:00 horas, actuará na Praza Maior Soul Teller. Cabe destacar que Soul Teller, como mostra de apoio aos artistas locais, contará coa participación das seguintes agrupacións musicais verinesas: José Gayoso (guitarra e Steel Guitar), a Coral A Tempo de Verín, a Banda de Gaitas Nova Era, a Coral de Verín e o acordeonista Edelmiro Mateo.
O domingo 11, pechará a feira o concerto de A Quinkillada, ás 22:30 horas. Esta banda naceu como resposta artística ao confinamento da pandemia. A súa música combina ritmos latinos e rumbas quinkis. O concerto terá lugar na praza García Barbón.