A XV Feira do Viño de Monterrei contará con 18 adegas participantes

Verín acollerá do 12 ao 14 de agosto unha nova edición da Feira do Viño da Denominación de Orixe Monterrei. A cita contará ademais das degustacións de viño, cunha oferta cultural, gastronómica e musical

Publicidade
Publicidade
A XV Feira do Viño de Monterrei contará con 18 adegas participantes

Instante da presentación da XV Feira do Viño de Monterrei.

Data inicio: 12/08/2022
Data fin: 14/08/2022
Lugar: Verín, España

A XV Feira do Viño de Monterrei, que se celebrará do 12 ao 14 de agosto en Verín, contará cun total de 18 das 28 adegas que conforman a denominación, unha máis que no 2019. “Tras dous anos sen celebración pola crise sanitaria do Covid-19, o sector segue apostando por esta cita vitivinícola, que para nós ten unha gran carga emocional”, destaca a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe (DO) Monterrei, Lara Da Silva Rodríguez.

En concreto, nesta edición participarán as seguintes adegas: Ladairo, Gargalo, Valderello, Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Triay, Adegas Terrae, Tapias Mariñán, Fragas do Lecer, Vía Arxéntea, Adega Abeledos S.L., Setembro, Adega Franco Basalo, Adegas Daniel Fernández, Adega Trasdovento, Adega Manuel Vázquez e Serra de Alén.

A cita volverase realizar, como foi habitual nas últimas edicións, na praza da Alameda. Nesta edición, os prezos serán 10 euros por 5 degustacións e unha copa personalizada da DO por 2 euros. Ademais das casetas das adegas, haberá unha oferta variada de postos gastronómicos. O horario de apertura das casetas será o seguinte:

-Venres 12: de 20.30 a 23.30 horas.

-Sábado 13: de 12.30 a 14.00 horas e de 20.30 a 01.00 horas.

-Domingo 14: de 12.30 a 14.00 horas e de 19.30 a 23.30 horas.

O acto inaugural da XV Feira do Viño de Monterrei realizarase o venres 12, a partir das 20.30 horas, na praza da Alameda. A pregoeira será Paula Vázquez Rocha, técnica da Oficina Agraria Comarcal de Verín.

Axenda de actos

Cultura, gastronomía, música e viño uniranse un ano máis no marco da Feira do Viño da DO de Monterrei. Así está previsto, segundo confirmou a concelleira de Educación, Cultura e Festexos de Verín, Emilia Somoza, que o acto inaugural da Feira estea amenizado pola Banda de Gaitas do Concello de Verín. Ademais, na xornada do venres 9 actuará na Praza García Barbón, entre as 23:00 e as 00:30 horas, a orquestra Arizona. Xa a partir das 00:00 horas, será a quenda do artista Xisco Feijoó.

A mañá do 13 de agosto, contará coa conferencia de presentación da obra “A marabillosa historia do viño en Galicia” do xornalista Luís Congil, un vibrante relato sobre o único antigo reino do mundo que leva ao viño na bandeira. A enorme relevancia comercial do viño galego na idade media, a súa relevancia na América do descubrimento ou a súa presenza nas mesas de reis e personalidades de toda Europa conxúganse, no caso de Monterrei, cunha gran oportunidade comercial: a historia do “virrei bo”, Gaspar de Zúñiga, V conde de Monterrei.

O sábado 13 de agosto, ás 23:30 horas, actuará Ruth Lorenzo, compositora e cantante española. 
Tamén o sábado contarán coa actuación da Orquestra Claxxon que actuará na Praza García Barbón en dous horarios diferentes: de 22:30 a 23:30 horas; e de 01:30 a 03:30 horas.

Por último, o domingo 14 de agosto, ás 23:30 horas, a Praza da Alameda, acollerá o concerto de Dous Paxaros e un trio, un espectáculo musical protagonizado por doce músicos e cantantes que interpretan as grandes cancións de Joan Manuel Serrat e Joaquín Sabina.

O alcalde verinés, Gerardo Seoane Fidalgo, aproveitou a presentación da cita para facer un chamamento ao público para que veciños e visitantes se acheguen ata Verín nas datas nas que se celebra a Feira para gozar dos viños de Monterrei, así como dunha completa oferta cultural e gastronómica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información