A xustiza anula a decisión da Xunta de excluír das axudas Covid 19 ás pequenas granxas de vacún de carne

A xustiza anula a decisión da Xunta de excluír das axudas Covid 19 ás pequenas granxas de vacún de carne

A gandeira e Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba Seivane, e o Coordenador do Sector Vacún de Carne no SLG-CCLL Brais Álvarez López

A gandeira e Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba Seivane, e o Coordenador do Sector Vacún de Carne no SLG-CCLL Brais Álvarez López, trasladaron hoxe en rolda de prensa en Lugo as claves do fallo xudicial contra a Xunta de Galicia que anula a discriminación das granxas de menos de 10 vacas nutrices ca que, segundo datos da organización agraria, “a Consellaría do Medio Rural (CMR) bloqueou o acceso de 10.284 granxas galegas -máis da metade das que hai en activo- ás Axudas Temporais e Excepcionais aos Sectores Agrarios máis Desfavorecidos pola Incidencia da Crise da COVID-19”, aprobadas en outubro do 2020.

Dende o Sindicato Labrego Galego solicitan, por tanto, “a subsanación urxente desta irregularidade, e salientamos o feito de que, no noso país, as axudas só foron percibidas por 4.621 granxas das case 19.000 que poderían ter sido beneficiarias”.

Por exemplo, advirten de que “a nivel de Ternera Gallega, por exemplo, quedaron fóra aproximadamente a metade das granxas inscritas. Fica claro, e agora tamén dende o punto de vista da xustiza, que a Xunta de Galicia, malia a contar con orzamento europeo e sendo unha das liñas de traballo da Unión Europea o fomento das pequenas e medianas granxas, instrumentalizou estes fondos para favorecer grandes explotacións”.

Ademais, dende o SLG lembran que “tal e como advertimos xa no momento de elaboración da Orde, os 12 millóns de euros activados pola Xunta -para vacún de carne e flor-, constituían unha cuantía totalmente insuficiente”. Segundo unha estimación realizada polos servizos técnicos do SLG-CCLL, sería necesario, como mínimo, un orzamento ao redor dos 25 millóns de euros só para poder cubrir unha axuda que chegase a todas as granxas do sector do vacún de carne.

Discriminación cara as pequenas ganderías e cara as mulleres

“A Consellaría do Medio Rural sabe perfectamente que no noso país a maioría das explotacións de carne teñen 10 ou menos vacas nutrices. Na reunión previa á aprobación desta orde, na que o SLG estivo presente, advertimos da aberración de establecer unha axuda pública que de xeito expreso, e nunha situación de máxima complexidade e quebra de proxectos económicos, abandonaba as pequenas explotacións, precisamente as que máis contribúen a vertebrar o medio rural”, explicou Isabel Vilalba.

Ademáis, a secretaria xeral do SLG tamén lembrou que “nas alegacións presentadas á Orde tamén lle recordamos á Xunta de Galicia que esta discriminación afectaba directamente ás mulleres, xa que do total de 22.677 granxas de vacún de carne que hai no noso país, un 49,60% están baixo a titularidade de gandeiras -11.247 explotacións-, sendo maioría fronte ao 46,63% que contan con homes como titulares -o 3,77% restante ten como titular unha persoa xurídica”.

Descarga aquí a sentenza

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información