A Xunta volverá convocar en 2019 as axudas para danos do xabarín

A Xunta volverá convocar en 2019 as axudas para danos do xabarín

Finca de millo arrasada polos xabaríns

A Xunta de Galicia volverá convocar o próximo 2019 as axudas para paliar os danos dos xabaríns nos cultivos, unhas subvencións que non convocaba dende o ano 2016, cando foron dotadas cunha partida de 600.000 euros

Así o anunciou este martes na Comisión de Agricultura e Montes do Parlamento Galego a directora xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ana María Díaz.

En resposta a unha pregunta do deputado do Bloque Nacionalista Galego, Xosé Luis Rivas, a directora xeral recoñeceu que “os danos que provocan os xabaríns son un problema grave, polo que dende o goberno galego consideramos que son necesarias as axudas para paliar os danos, indo paralelas a unhas axudas para medidas de prevención”.

Neste sentido, anunciou que “para o ano 2019 contemplamos nos orzamentos da Xunta unha partida para paliar os danos do xabarín nos cultivos, que irían tanto para agricultores profesionais como non”.

Na última convocatoria, a de 2016, o importe máximo foi de 1.500 euros por beneficiario, aínda que os danos excederan ese importe. As organizacións agrarias solicitaron dende entón á Xunta que as volvera convocar dada a gravidade dos estragos que provocan os xabaríns nas pradeiras e en cultivos como o millo ou a pataca. Finalmente a Xunta anuncia que recuperará estas axudas o vindeiro 2019, ano de eleccións municipais.

Ana María Díaz xustificou que non se convocaron con que “na última orde de axudas, a de 2016, quedou boa parte do orzamento sen gastar, por falta de solicitudes, o que nos parece incomprensible, polo que temos que analizar os erros que cometemos para que a xente non pedira esas axudas”.

Outras medidas de control

Polo demais, a directora xeral de Patrimonio Natural descartou outras vías para minimizar os danos dos xabaríns que non sexan as batidas controladas. “Probouse a alimentación supletoria pero todos os técnicos a descartaron porque era contraproducente, xa que o único que ía facer é que a especie se reproducira máis e mellor. En canto a esterilizar a femias do xabaril, estase a facer de forma piloto en Cataluña, pero os resultados non son moi alentadores, porque femias supostamente esterilizadas están tendo camadas”, explicou.

En todo caso, avanzou que “en breves datas anunciaremos dende a Xunta unha medida de control na que temos fe”, sen precisar máis.

Un problema que vai a máis

Pola súa parte, Xosé Luis Rivas, do BNG, botou en falta “un Plan de Xestión do Xabaril en Galicia serio e que inclúa outras medidas ademais da caza, como axudas polos danos”.

“A realidade é que cada ano se rexistran unhas 15.000 pezas cobradas anualmente por cazadores e, sen embargo, o problema aumenta. Por iso, mentres se buscan métodos eficaces para controlar a poboación de porco bravo o que hai que facer é paliar os danos”, subliñou.

Ademais, Xosé Luis Rivas, lembrou a dificultade para comunicar os danos á administración, sobre todo para as persoas maiores. “Hai que chamar ao 012, onde salta un sistema automático que é desesperante, obrigándote a falar cunha máquina varios minutos”, explicou.

Neste sentido, a representante da Xunta de Galicia recoñeceu que “estase a analizar o tema dos automatismos do 112 e do 012 e tal vez a iso haberá que darlle unha volta”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información