A Xunta vacinará contra a lingua azul a todo o gando vacún e ovino das provincias de Pontevedra, Ourense e sur de Lugo ante a aparición de varios focos

A Xunta vacinará contra a lingua azul a todo o gando vacún e ovino das provincias de Pontevedra, Ourense e sur de Lugo ante a aparición de varios focos

A Xunta vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) catro focos de lingua azul do serotipo 4 (S-4) en bovinos dos concellos de Castro Caldelas, Sarreaus, Fornelos de Montes e As Neves -onde deron positivo dous animais dunha mesma explotación-, no marco do plan de vixilancia desta enfermidade e tras a confirmación por parte do Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, laboratorio de referencia nacional para esta doenza.

Estes focos suporán a adopción de medidas por parte do Goberno galego, como o inicio dunha campaña de vacinación preventiva e servizos de desinsectación por parte dos centros de limpeza e desinfección de vehículos que dependen da Consellería do Medio Rural.

A lingua azul é unha enfermidade vírica de carácter infeccioso non contaxioso (non se tramite por contacto directo duns animais a outros), transmitida por diferentes especies de mosquitos do xénero Culicoides (vectores biolóxicos) que transmiten a enfermidade pola picadura a animais infectados e posterior picadura a animais sans. No momento actual, estase en época estacionalmente libre do vector, é dicir, época na que non hai mosquito transmisor, o que quere dicir que os animais detectados se infectaron antes de comezar esta (nos meses de novembro-decembro), aínda que manteñen hoxe a viremia malia que non presentan síntoma ningún. Nese senso, dende a Xunta lembran que “a lingua azul non é unha zoonose, é dicir, non é transmisible ás persoas, nin por contacto directo cos exemplares positivos nin por consumo de produtos cárnicos”.

Vacinación obrigatoria en marzo de todas as vacas e ovellas nas provincias de Ourense e Pontevera e Sur de Lugo

A declaración dos focos supón a creación dunha zona de restrición de polo menos un radio de 50 km arredor dos casos detectados, considerando sempre comarcas veterinarias completas. Segundo isto, a zona de restrición na comunidade inclúe as provincias de Ourense e Pontevedra na súa totalidade, e as comarcas veterinarias de Chantada, Terra de Lemos-Quiroga e Sarria, no sur de Lugo.

Así, nestas áreas será obrigatoria a vacinación de todos os animais da especie ovina e bovina de máis de tres meses de idade. Nesa liña, finalizada a época estacionalmente libre do vector -a mediados-finais de abril- nestas zonas só se poderá autorizar o movemento de animais se proceden de explotacións vacinadas, e os animais están vacinados (só posible a partir dos tres meses), ou son animais menores desa idade procedentes de nais vacinadas. Ademais, deberán ser transportados en vehículos que sexan desinsectados antes da carga.

Deste xeito, a Consellería do Medio Rural xa está organizando a realización da pertinente vacinación para comezar no vindeiro mes de marzo. A maiores, está previsto que cando finalice a época estacionalmente libre do vector, os centros de limpeza e desfinfección de vehículos que dependen da Consellería do Medio Rural comecen a prestar o servizo de desinsectación.

Cabe engadir que en Galicia detectouse esta doenza nos anos 2008 e 2009, aínda que naquela ocasión o serotipo que afectou á cabana galega foi o serotipo 8 (S-8). Erradicouse a enfermidade mediante vacinación. Desde esa época, no conxunto do Estado realízase un programa anual continuo de vixilancia da presenza desta enfermidade, que consta dun compoñente de vixilancia entomolóxica (captura de mosquitos semanalmente durante todo o ano) e un compoñente de vixilancia sobre os animais domésticos sensibles. Dentro deste último apartado, realízanse dúas mostraxes anuais sobre un número de animais pertencentes a rabaños sentinelas de gando bovino previamente seleccionados, e foi no marco da última mostraxe na que se detectaron os focos positivos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información