A Xunta utilizará drons para inspeccionar as franxas de seguridade contra os lumes

A Administración autonómica saca a concurso un proxecto para usar os vehículos aéreos non tripulados na xestión do monte. Pretende inventariar as masas forestais e controlar as pragas do eucalipto e do piñeiro

A Xunta utilizará drons para inspeccionar as franxas de seguridade contra os lumes

A Administración autonómica vai sacar a concurso un proxecto por 1,15 millóns de euros para desenvolver aplicacións dos drons para a xestión forestal. O obxectivo é triple: facer un inventario das masas forestais galegas, controlar as pragas (gorgullo do eucalipto, procesionaria e nematodo do piñeiro) e inspeccionar desde o aire as franxas de seguridade contra incendios arredor de núcleos urbáns e rurais. Así o explicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, ó remate do Consello da Xunta deste xoves.

Lumes
Un dos obxectivos do uso dos drons, o control das franxas de seguridade contra os lumes no entorno de núcleos urbáns e rurais, cobrou especial importancia tras a vaga de incendios de outubro, cando 158 vivendas da comunidade se viron afectadas polos lumes, así como 27 establecementos empresariais, segundo os datos da Administración.

A Xunta lexislou tras a vaga de lumes para ampliar a zona de seguridade sen piñeiros e sen eucaliptos no entorno dos núcleos de poboación, que pasou de 30 a 50 metros. Desde o sector forestal tense advertido de que de nada serve lexislar se non se fai cumprir a normativa, unha cuestión complicada en Galicia, con arredor de 30.000 núcleos de poboación, a metade de toda España.

Co uso dos drons, a Administración pretende axilizar as inspeccións sobre o terreo, en especial en áreas urbáns, e progresivamente tamén nas rurais.

Inventario
Das tres liñas de traballo ás que a Xunta quere destinar os vehículos aéreos non tripulados, unha das prioritarias para a cadea da madeira galega é a realización dun inventario pormenorizado, pois o último Inventario Forestal Nacional realizado en Galicia data do 2009 e estímase que desde aquela cambiou sustancialmente o panorama.

O sector ten advertido de xeito reiterado de que é preciso un coñecemento real sobre as existencias de madeira do monte para que industrias, Administracións e propietarios poidan tomar decisións con coñecemento do escenario futuro.

Outros concursos en marcha
A Xunta xa iniciara meses atrás outro concurso público para utilizar os drons no procesado de información das explotacións agrarias. Tamén ten en marcha outro proxecto para seguir as dinámicas de ocupación do solo e axudar na planificación territorial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información