A Consellería do Medio Rural presentará ante o Goberno central un documento elaborado de xeito conxunto con Unións Agrarias (UUAA) e a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) para esixir, unha vez máis, melloras na Lei da cadea alimentaria, así como no Paquete lácteo, co fin de protexer os produtores no contexto de sinatura de contratos.
O obxectivo é que se introduzan modificacións nesta lexislación de cara a blindar que o leite non quede sen recollida no caso de non chegar a un acordo nestes contratos antes da data de inicio das entregas. Así o anunciaron hoxe os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, despois de manter unha xuntanza con representantes destas organizacións profesionais agrarias.
Nesta reunión destacouse a necesidade de modificar dita normativa estatal e asemellala ao establecido no Paquete lácteo respecto á venda por debaixo dos custos de produción. “Trátase de que tanto os gandeiros, como a industria, e a propia administración teñan un indicador para fixar ese limiar que evite a venda a perdas, de forma que o prezo cubra os custos e aporte marxe de beneficio, como ocorre en calquera outra actividade económica”, sinalan dende Medio Rural.
Esíxese tamén que, no caso de que non sexa posible chegar a un acordo entre produtores e industrias, exista unha posibilidade efectiva de recollida do leite para poder contar con marxe de tempo para debater e acadar un novo acordo. Neste contexto, José Balseiros reclamoulles “responsabilidade ás industrias á hora de garantir a estabilidade nos prezos para, entre todos, garantir a sustentabilidade do sector e afianzar a remuda xeracional, que se apoia de xeito decisivo desde a Xunta”. Por último, fixo un chamamento aos consumidores para que aposten polo selo Galega 100%.
Reforzo dos controis
Tal e como trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, a semana pasada no marco da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural e dos Consellos Consultivos de Política Agrícola e Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios, por parte do Goberno autonómico estase a incidir na necesidade de demandar unha maior implicación por parte do Ministerio para facer fronte á situación actual do sector lácteo, marcada pola redución do prezo nos contratos ofrecidos aos produtores e agravada polo incremento dos custes de produción derivados do conflito en Oriente Medio.
A Xunta asegura que está xa a actuar neste materia, “cun reforzo nos controis para verificar que se cumpre a lexislación na sinatura destes contratos; así como con accións para verificar a trazabilidade do leite e detectar posibles incumprimentos no etiquetado respecto á súa orixe”. Neste contexto, tamén se ten solicitado á Agencia de Información y Control Alimentarios (AICA), adscrita ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, que actúe neste eido de xeito urxente e contundente e, de ser o caso, tamén a Comisión Nacional do Mercado e a Competencia.
O Sindicato Labrego reclama a a intervención urxente da Xunta e do Ministerio e esixe o cumprimento inmediato da Lei da Cadea
Por parte do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), que non participou na xuntanza coa Consellería do Medio Rural, reclaman a intervención urxente da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ante a baixada de prezos nos novos contratos do leite e pregúntanse “qué seguimento se está a facer deste tema a 31 de marzo por parte da Xunta, xa que os datos que extraemos das persoas gandeiras do Sindicato Labrego Galego amosan un descenso importante no importe”.
Segundo estima a organización labrega “cos datos dos prezos que percibirán algunhas das granxas galegas por mor dos novos contratos coas empresas, encontrámonos con perdas, nun prazo de 4 meses para aquelas que vendan 200.500 litros, dende 9.824.5 euros até 15.037,5 euros”. No caso das industrias máis grandes, o importe da diminución por litro depende da produción da granxa xa, que seguen tendo unha prima por volume. No caso doutras industrias, a baixada chega aos 10 céntimos.
Dende o Sindicato Labrego chaman especialmente a atención sobre o o caso de CAPSA. “Por que en Asturias, por exemplo, non hai baixada de prezo pero si en Galiza. A diferenza é ser galega ou galego?”, pregúntanse.
Ante esta situación reclaman que, “con carácter inmediato o Goberno central e a Xunta deben facer cumprir a lei da cadea”. “Unha baixada tan forte nos contratos, xunto á subida dos custos de produción que estamos vivindo -suba do gasóleo, fertilizantes, etc-, non cumpre co requisito da lei de que non vendamos a perdas. As propostas están por baixo dos custos de produción e, polo tanto, son ilegais”, conclúen.
Galego









Control OJD