A Xunta ultima unha aplicación informática para que as granxas de leite calculen custos de produción

A Consellería aspira a que as empresas que recollen leite en Galicia recoñezan ese índice público avalado pola Xunta, de maneira que sirva de referencia á hora de asinar os contratos

José Manuel Andrade, da Fundación Juana de Vega, xunto a José Balseiros explicando a Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo

José Manuel Andrade, da Fundación Juana de Vega, explicando a Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo

A Lei da Cadea Alimentaria establece que os prezos dos produtos agrogandeiros pagados en orixe deben cubrir os custos de produción. Pero, cales son eses custos de produción? No caso do leite, non existe ningún índice público de referencia que os estableza, polo que na práctica a sinatura dos contratos depende unicamente da negociación entre gandeiro e industria.

Pero esa situación podería mudar a partir do vindeiro ano. A Xunta traballa nunha ferramenta informática que permitirá aos gandeiros calcular os seus custos de produción de xeito individualizado e obxectivo e, con todos eses datos, establecer o promedio de cal é o custo real de producir leite en Galicia.

Sen embargo, non hai ningunha garantía de que as empresas que recollen leite na nosa comunidade estean dispostas a aceptar eses baremos de referencia. “Un obxectivo sería que puidesemos acadar o consenso a respecto de que esa ferramenta se tivese en consideración á hora de fixar o prezo nos contratos do leite, de maneira que se admitise ese custo de produción que establece a aplicación”, afirmaba este venres José Balseiros, director xeral de Gandería da Consellería do Medio Rural, nun acto en Castro para explicar a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego da Xunta.

Aspiramos a que iso sirva para crear un índice público sobre custos de produción que despois se teña en conta nos contratos lácteos

Dentro desa Estratexia, presentada recentemente polo presidente da Xunta, figura precisamente como unha das 125 medidas a aplicar de aquí a 2025 esta ferramenta informática. “Fixemos un estudo con explotacións de distintos tamaños e segmentos para saber que datos sería preciso introducir e estamos xa na fase de desenvolvemento tecnolóxico da aplicación. Témola practicamente rematada e en poucas semanas poderemos estar en disposición de presentala. O que queremos é facilitarlle unha ferramenta a todos os gandeiros para que a través dunha aplicación informática poidan facer o cálculo do custo de produción do seu litro de leite”, avanzou Balseiros.

Os últimos datos publicados sobre os custos de produción son do ano 2017, logo dun estudo elaborado polo Ministerio de Agricultura en só 6 ganderías de Galicia

“O primeiro obxectivo é que sexa unha ferramenta moi simple, de maneira que con moi pouca adicación e emprego de tempo os gandeiros poidan meter as facturas e catro datos e que iso de maneira practicamente automática lles ofreza uns datos que lles vai permitir non só saber canto lle custa producir cada litro de leite senón coñecer como teñen o sistema de amortización da maquinaria ou dos investimentos e ao mesmo tempo darlle información sobre que aspectos ten que mellorar da xestión da súa explotación a respecto doutras ganderías mediante uns índices de referencia”, detallou.

Marca Leite de Pastoreo de Galicia

Outro dos obxectivos que a Xunta persegue a curto prazo é o de duplicar nos vindeiros cinco anos o volume de leite de produción ecolóxica na nosa comunidade. Neste momento hai en Galicia 109 ganderías de leite certificadas polo CRAEGA, cun total de 4.500 vacas, que producen 15.700 toneladas de leite ao ano, o que representa só o 0,6% do total do leite producido na nosa comunidade.

En Francia o 3,5% do leite está certificado como ecolóxico, igual que no Reino Unido (3,7%). En Dinamarca supera o 12%, en Suecia o 16% e en Austria ronda o 20%

Esa porcentaxe atópase moi por baixo da de outras rexións europeas de Francia ou o Reino Unido con condicións similares ás galegas para a produción de pastos, polo que a Xunta confía en incrementar eses niveis por medio dunha nova marca de calidade que rexistrará a vindeira semana para o Leite de Pastoreo de Galicia.

Os GDR financiarán actuacións enerxéticas

Outra das cuestións prácticas que modificará a nova estratexia da Xunta ten que ver cos criterios para a concesión de axudas por parte da Consellería do Medio Rural. As medidas de eficiencia enerxética nas explotacións, apoiadas neste momento polo Inega, pasarán a ter financiación tamén a través dos GDR.

Placas solares, miniaeroxeradores e separadores de purín entrarán dentro dos obxectivos do vindeiro PDR

“Adaptaremos as novas liñas de axudas que se saquen nos vindeiros exercicios dentro do Programa de Desenvolvemento Rural encamiñadas a que os titulares das explotacións poidan reducir o seu custo enerxético por exemplo instalando placas solares ou algún aeroxerador dimensionado para a explotación, así como para o tratamento de puríns”, avanzou Balseiros.

Tres novas Inleit?

Pero quizais o obxectivo central da Estratexia láctea do Goberno galego para os vindeiros cinco anos sexa o de incrementar a transformación de leite en produtos de valor engadido en Galicia. Sen querer avanzar nomes, a Xunta di que mantén contactos con tres novas industrias do sector lácteo para que se implanten na nosa comunidade.

“Desde o mesmo día da presentación por parte do presidente da Xunta estamos tendo chamadas de industrias importantes, algunhas xa implantadas pero outras que non teñen aínda presenza en Galicia, que mostraron o seu interese en instalarse aquí tendo en conta a alta capacidade produtora que ten a nosa comunidade e a gran profesionalización que ten o sector pero tamén pola seguridade que aporta a Xunta de Galicia con esta Estratexia, que é algo novidoso que non se está facendo en ningún sitio. Hai empresas xa implantadas que proxectan duplicar a súa capacidade de transformación pero houbo tamén tres chamadas de industrias que non están implantadas aínda en Galicia. O feito de que Galicia sexa unha comunidade xeradora de pastos é algo tamén atractivo para as industrias. A finalidade última da Estratexia é que lle suba o prezo en orixe aos produtores e para iso unha das conclusións principais é que hai que transformar máis e hai que facelo en produtos de alto valor engadido”, defendeu Balseiros.

Gandeiros asistentes ao acto organizado por Agromuralla o pasado venres

Gandeiros asistentes ao acto organizado por Agromuralla o pasado venres

Haberá axudas para instalar inxectores de purín nas cisternas?

Un dos motivos de preocupación actuais para o sector produtor de leite está nos cambios normativos que se aveciñan para a aplicación de xurros. Trala presentación do novo Real Decreto de fertilización sostible por parte do Ministerio a Xunta presentou unha serie de alegacións que non foron aínda respostadas.

“Houbo unha reunión vía videoconferencia co Ministerio para falar das alegacións presentadas pero de momento non temos resposta oficial. Non estamos en contra de que se regule a aplicación dos puríns dunha forma ordenada, porque todos os fondos europeos, tanto da PAC como do PDR van a vir revestidos sobre todo dese traxe de sostenibilidade medioambiental, polo que hai que camiñar cara aí, pero hai que dar unha marxe, hai que dar axudas e hai que ter en conta as peculiaridades de cada comunidade autónoma, porque as condicións de Galicia, igual que as do resto da cornixa cantábrica, non son coincidentes coas das comunidades do centro e sur de España”, defendeu Balseiros.

A Consellería pide tamén que haxa unhas axudas para que os titulares das explotacións poidan acollerse a elas para que lles supoña “menos quebranto económico” adaptar os seus equipos para as novas aplicacións de xurros conforme á norma e que se teñan en conta determinados usos que se veñen facendo na nosa comunidade autónoma, como pode ser o pastoreo, que minimiza o impacto medioambiental das dexeccións dos animais. “A Xunta está disposta a habilitar unha liña de axudas, pero pedímoslle ao Ministerio que tamén se implique, xa que é o Goberno central o que impón esta norma”, argumentou o director xeral de Gandería, que admitiu sen embargo que estas hipotéticas axudas, por mor dos prazos administrativos, non estarían resoltas e concedidas, cando menos, até mediados do vindeiro ano.

Aprazamento

Por iso, a Consellería ten solicitado ao Ministerio un aprazamento da entrada en vigor do novo Decreto o vindeiro 1 de xaneiro. “Solicitamos que se espere a xuño para aplicalo para ter definidos os novos criterios da PAC e o PDR. As solicitudes da nova PAC abriranse o 1 de febreiro e estarían resoltas en xuño. O problema é que se o decreto entra en vigor pode haber gandeiros prexudicados nas axudas porque incumprirían e veríanse penalizados. E preocúpanos como pode afectar na condicionalidade reforzada da nova PAC, por iso pedimos que non se empece a aplicar até que estean definidos os futuros ecoesquemas”, defendeu Balseiros.

Preocúpanos como pode afectar na condicionalidade reforzada da nova PAC, polo que pedimos que non se empece a aplicar até que estea definida a nova PAC e os futuros ecoesquemas

As explotacións de leite galegas reciben anualmente uns 120 millóns de euros da PAC, 96 deles a través do primeiro pilar e 24 do segundo, o que supón unha media de 15.000 euros por explotación, que equivalen ao 10% dos seus ingresos.

“Agardamos que haxa sensibilidade con este tema por parte do Goberno central, porque sería especialmente traumático para as pequenas explotacións, que teñen unha capacidade investidora limitada e podería poñerse en risco a súa viabilidade económica”, alertou.

Balseiros pediu “que non se criminalice ao sector, porque non é o mesmo o sector do porcino que o do vacún e dentro do vacún hai explotacións de distinto tipo e non se están tendo en conta as prácticas en extensivo ou de pastoreo nas valoracións que está facendo o Ministerio”, insistiu.

En busca de financiamento para as catro plantas de tratamento de xurros

Sobre o anuncio da Xunta de crear catro plantas para tratamento de puríns nas principais comarcas gandeiras (Terra Chá, O Deza, Xallas e A Limia), Balseiros indicou que o Goberno galego está neste momento tratando de captar fondos europeos para financiar a súa construción con cargo ao orzamento estraordinario da UE destinado a paliar os efectos da actual pandemia sanitaria.

Isto fará que, aínda que inicialmente se descartaba a produción enerxética para que tivesen un menor custo, “neste momento iso cambiouse e contémplase o aproveitamento enerxético porque é algo que está dentro dos obxectivos que fixan estes fondos europeos Next Generation”, xustificou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información