A Xunta traballa na creación dunha marca de calidade para a horta de Galicia

Publicidade
A Xunta traballa na creación dunha marca de calidade para a horta de Galicia

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitando Hortalizas R. López, S.L., na Laracha

A Consellería do Medio Rural está a traballar na creación dunha marca de garantía para a horta galega que amparará estas producións co fin de consolidar este sector e certificar a súa calidade. Baixo este paraugas incluiranse produtos frescos de orixe galega tales coma leituga, pemento, cebola, grelo, tomate, feixón verde, repolo, verza ou pataca, entre outros.

A falta de diferenciación clara na etiquetaxe e de fronte ao consumidor dos produtos de horta producidos realmente en Galicia fronte aos importados, é unha das queixas do sector.

A conselleira Ángeles Vázquez avanzou este martes esta iniciativa na súa visita á empresa Hortalizas R. López, S.L., dedicada á comercialización de producións do agro e situada no concello coruñés da Laracha.

A titular de Medio Rural explicou que a creación deste selo farase en colaboración e estreito contacto co sector beneficiario da medida. Deste xeito, engadiu, “darase cobertura a unha das referencias máis senlleiras do agro galego, que salienta pola súa calidade e cun prestixio nos diferentes mercados que convén impulsar”. Neste mesmo sentido, sinalou que “estas producións teñen xa un amplo recoñecemento nos mercados locais e na distribución e cómpre reforzar a súa vinculación coa marca xenérica Galicia para ampliar a súa expansión nos nacionais e internacionais”.

Un sector cun gran potencial por explotar

En Galicia existen unhas 850 explotacións profesionais de horta baixo cuberta, con preto de 150 hectáreas de superficie de invernadoiros. A maiores, hai unhas 1.100 hectáreas de superficie ao aire libre dedicada ao cultivo comercial de produtos de horta, aos que habería que engadir unhas 600 hectáreas máis de cultivo de grelo e faba.

Os principais cultivos de horta baixo cuberta son a leituga, o pemento, o tomate e o feixón verde. No que atinxe á produción ao aire libre, salientan tamén, ademais dos xa mencionados, a cebola e o repolo. A maioría das explotacións hortícolas da nosa comunidade concéntranse en áreas costeiras das provincias da Coruña e Pontevedra.

Centro de envasado

Hortalizas R. López, S.L. é unha empresa constituída no ano 2009 que conta cun centro de manipulación e envasado de produtos hortícolas consistente nunha nave de 742 metros cadrados dotada de cámaras de recepción de produto e expedición, así como de puntos de carga e descarga, xunto con equipos de selección, envasado e etiquetado de hortalizas. Esta nave tamén dispón de entreplanta para administración e oficinas.

Nestas instalacións pódense procesar do orde de 2.500 toneladas anuais de hortalizas, principalmente leituga, acelga, espinaca, perexil, porro e repolo. Hai que destacar que unha parte moi importante das producións proceden de explotacións agrarias propias mediante o cultivo en invernadoiros e ao aire libre. Nestas instalacións tamén se prestan servizos de embolsado a outros produtores. A comercialización das producións da empresa realízase principalmente a través da plataforma de frescos de Vegalsa-Eroski.

Na súa estadía na Laracha a conselleira visitou tamén a explotación hortícola Horta Bértoa, localizada en San Fins e orientada á produción de leituga. Está instalación dispón de 6.300 metros cadrados de invernadoiro e de dúas hectáreas destinadas ao cultivo ao aire libre.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información