Dende Ovica – Asociación de criadores/as de ovino e caprino de Galicia, anuncian que despois das conversacións mantidas nos últimos días coa Consellería de Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Gandería, a administración confirma que subministrará as vacinas dos novos serotipos da lingua azul para o sector ovino en Galicia.
“Dende OVICA tivemos coñecemento, xa a principio da semana pasada da aparición de casos de novos serotipos da Lingua Azul (serotipos 3 e 8), principalmente na provincia de Ourense. Á espera da confirmación dos casos por parte do laboratorio nacional de referencia e o conseguinte comunicado dos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, puxemos en marcha as medidas e as accións necesarias para informar ás persoas socias”, explican dende a asociación.
En concreto, as actuacións de OVICA foron encamiñadas á solicitar á Consellería do Medio Rural a gratuidade das vacinas dos novos serotipos, pola gran incidencia que teñen no sector ovino. Subliñan que “as recomendacións, dirixidas ás socias, son vacinar na medida do posible e de desinsectar tanto animais como as instalacións”.
Finalmente, dende a asociación informan de que “tivemos estes días coñecemento de que a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Gandería, ofrecerá as vacinas para aquelas granxas que o soliciten, igual que se está a facer actualmente para o serotipo 4 e neste caso, exclusivamente para o sector ovino”.
“Segundo nos informaron, haberá unha primeira compra de 9.000 doses inicial e xa se están a realizar os tramites necesarios para outra segunda compra posterior”, explican dende OVICA.
Galego









Control OJD