A Xunta simplifica a declaración de colleita de uva para máis de 10.000 viticultores

No marco do acordo asinado hoxe coa Consellería do Medio Rural, os viticultores non terán que acudir ás oficinas agrarias comarcais senón que poderán declarar a colleita a través dos respectivos consellos reguladores

Publicidade
A Xunta simplifica a declaración de colleita de uva para máis de 10.000 viticultores

Sinatura do acordo esta mañá en Santiago

Os máis de 10.000 viticultores das cinco denominacións de orixe (DO) do viño galegas beneficiaranse este ano da simplificación tecnolóxica impulsada pola Xunta para declarar a colleita de uva, que xa probaran de xeito piloto en 2021 os produtores de Rías Baixas. Así, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asinaron hoxe os respectivos convenios de colaboración cos presidentes dos consellos reguladores.

Os asinantes do acordo puxeron de relevo as vantaxes da medida, que ademais da denominación de orixe Rías Baixas, beneficiará agora as de Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras. En concreto, as principais modificacións están orientadas a simplificar a declaración de colleita de uva dos viticultores galegos acollidos a denominacións de orixe, ofrecendo a vía electrónica e a intermediación dos consellos reguladores en lugar dos trámites nas oficinas agrarias comarcais.

Cambios nos trámites

Deste xeito, estas declaracións poderán efectualas directamente ditos consellos reguladores ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), previa autorización dos viticultores implicados. Nestes casos as persoas viticultoras entregarán a súa autorización á bodega ou bodegas que empreguen a súa uva no momento da entrega. As adegas, pola súa banda, deberán remitir ditas autorizacións ao consello regulador correspondente.

No caso de que a persoa viticultora se acolla a esta opción, o Consello Regulador en cuestión encargarase de recadar das adegas a información precisa de entregas de uva co obxecto de proceder á remisión e validación da colleita. Os viticultores, pola súa parte, recibirán un borrador desa validación ao que deberán dar conformidade nun prazo máximo de 10 días naturais.

Unha vez validada a colleita, os consellos reguladores subministrarán ao Fogga a información relativa á declaración de colleita dos viticultores que prestaran a súa conformidade, antes do 10 de decembro deste ano. Así mesmo, porá en coñecemento desta entidade dependente da Consellería do Medio Rural o listado de persoas viticultoras que, de ser o caso, non outorgaron a súa autorización para a transmisión destes datos ou non deron a súa conformidade e as parcelas delas acollidas á súa denominación.

Á sinatura do convenio acudiron, xunto co director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, os presidentes dos consellos reguladores das cinco denominacións de orixe vitivinícolas: Juan Gil de Araújo, de Rías Baixas; José Manuel Rodríguez, de Ribeira Sacra; Juan Manuel Casares, de Ribeiro; José Luis García, de Valdeorras; e Lara Da Silva, de Monterrei.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información