A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe o pasteiro do Monte da Grifa – Monte Veciñal en Man Común de Xesta, situado no concello pontevedrés da Lama. Alí, destacou a importancia dos pasteiros para mellorar a actividade gandeira e como barreira natural contra os incendios forestais. Así mesmo, salientou que este tipo de actuacións implican unha “mellora significativa” para a actividade gandeira da zona e para a posta en valor do medio rural.
Este pasteiro abrangue unha superficie de 34 hectáreas, e contou cun orzamento de algo máis de 228.700 euros. María José Gómez explicou que, a través deste investimento, puideron levarse a cabo todos os labores necesarios para a súa posta en marcha, como poden ser os traballos de roza mecanizada, a sementeira ou a instalación de peches ou cancelas, entre outros.
Esta actuación forma parte do Plan de Pastos de Galicia, a través do cal dende o ano 2020 mobilizaron máis de 1.930 hectáreas en 80 pasteiros, cun investimento que rolda os 10,5 millóns de euros. A esta cifra, cómpre engadirlle as 519 hectáreas que se están a mobilizar neste 2025, en 26 novos pasteiros, cun orzamento adicional de 4 millóns de euros.
Galego









Control OJD