A Xunta salienta a boa evolución da loita contra a praga do psílido africano dos cítricos

Publicidade
A Xunta salienta a boa evolución da loita contra a praga do psílido africano dos cítricos

Limoeiro afectado pola Trioza

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, afirmou hoxe na comisión 7ª do Parlamento galego que a loita biolóxica contra o psílido africano dos cítricos (Trioza erytreae) “evoluciona de xeito favorable, logrando co parasitoide Tamarixia dryi unha dispersión de máis de 4 km dende os puntos de solta e un parasitismo sobre este tipo de psila superior ao 70%”

Así o dixo ao tempo que destacou que a Xunta está a contribuír á erradicación deste organismo de corentena máis aló da comunidade, tendo cedido preto de 30.000 parasitos a Portugal, Asturias, Cantabria e País Vasco o ano pasado.

Nesa liña, José Balseiros sinalou que Galicia está liderando a loita biolóxica mediante a Tamarixia dryi ao criar este insecto eficaz contra o psílido africano nun viveiro situado na localidade ourensá de Maceda. Unha cría -dixo- con vontade de continuidade que arrancou en 2019, tras as primeiras soltas efectuadas nos concellos pontevedreses do Rosal, O Grove e Portas, neste caso con parasitos procedentes do Instituto Canario de Investigacións Agrarias (ICIA). En 2020 repetiuse a experiencia xa con máis de 14.000 parasitoides criados integramente en Maceda, tanto en Galicia como en Portugal, país ao que se entregaron case 9.000 insectos.

Tras realizar novas soltas en 2021 nos lugares con afectación na comunidade, a maiores dos parasitos entregados tamén ás rexións veciñas (Portugal -máis de 12.000-, Asturias -máis de 11.000-, Cantabria -máis de 4.000- e País Vasco -máis dun milleiro-), o obxectivo da Xunta neste exercicio é duplicar o número de exemplares de Tamarixia dryi que se ceiben contra o psílido africano dos cítricos, tanto en Galicia como nos territorios próximos, para poder eliminalo a medio prazo.

Nesa dirección, o director xeral aseverou que se continuará aplicando o plan de erradicación e intensificando a produción do parasitoide desta psila, unhas accións que -xunto cos tratamentos fitosanitarios- supuxeron desde 2016 un investimento duns 1,8 millóns de euros por parte do Goberno galego. Neste importe inclúense os 415.000 euros presupostados para este ano, o maior orzamento da serie histórica.

Una idea sobre “A Xunta salienta a boa evolución da loita contra a praga do psílido africano dos cítricos

  1. R

    A zona de Carnota, Cee e Dumbria están totalmente infectados e sin tratar, os arboles están secando.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información