A Xunta saca a poxa pública 23 lotes de madeira de máis de 21.000 toneladas en A Coruña

A poxa será electrónica e celebrarase o 25 de maio na xefatura territorial da Consellería do Medio Rural. A maioría dos lotes son de piñeiro do país, piñeiro insigne e eucalipto branco aínda que tamén hai cantidades menores doutras especies. Teñen un valor de 427.000 euros

A Xunta saca a poxa pública 23 lotes de madeira de máis de 21.000 toneladas en A Coruña

Boa parte das masas que se poxarán son de piñeiro, tanto do país como insigne, así como de eucalipto. // Foto de arquivo.

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, adxudicará 23 lotes de madeira por 427.000 euros na próxima poxa pública electrónica de madeira, que se celebrará o 25 de maio na xefatura territorial da Consellería na Coruña. Así se recolle na resolución que publica este xoves o Diario Oficial de Galicia (DOG), pola que se fai pública a convocatoria mediante procedemento aberto con criterio único (prezo) para este alleamento de madeira.

A totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural. En total, os lotes suman máis de 21.000 toneladas de madeira de piñeiro do país, piñeiro insigne e eucalipto branco, xunto con cantidades menores doutras especies. Isto tradúcese nunha absorción de CO² de máis de 15.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a vida destas árbores, que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.

15 dos lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e un máis con dobre certificación PEFC e FSC

Ademais, 15 dos lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e un máis con dobre certificación PEFC e FSC, cumprindo así cando menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben dispor tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira.

Coma no caso das poxa electrónicas de madeira celebradas anteriormente, os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexe poderá seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.

O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que permite consultar os lotes que se van poxar e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.

A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse aquí

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información