A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, alleará 52 lotes de madeira por un importe de 1,38 millóns de euros na próxima poxa pública electrónica que se celebrará o 8 de decembro na xefatura territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense.
A práctica totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión coa Consellería. Entre os lotes suman máis de 73.000 metros cúbicos de madeira de piñeiro do país e de piñeiro silvestre, xunto con cantidades menores doutras especies. Tal e como sinalan dende a Consellería, estímase que estas árbores permitiron unha absorción de CO² de 39.000 toneladas. Agora preténdese substituílas por novos pés que restauren os montes cortados, produzan madeira e continúen absorbendo este gas de efecto invernadoiro.
Dos 52 lotes de madeira, 24 deles contan con certificación forestal sostible PEFC e 13 con dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben dispor tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira. “Cabe apuntar que a certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais”, destacan dende Medio Rural.
Poxa en liña
Cómpre lembrar que -como no caso das poxa electrónicas de madeira celebradas anteriormente- os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexe poderá seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.
O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.
A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no no portal web da Consellería do Medio Rural.