A Xunta rescinde 22 convenios con montes veciñais no que vai de ano

A Xunta rescinde 22 convenios con montes veciñais no que vai de ano

Monte veciñal na provincia de Pontevedra. / Arquivo.

O proceso de extinción de convenios de montes veciñais, que terá que estar completado a finais do 2021, está a desenvolverse polo de agora con aqueles montes que solicitan por iniciativa propia a rescisión. No que vai de ano, foron un total de 22 montes veciñais os que xa resolveron ou están no proceso de cancelación do seu convenio coa Administración, segundo se coñeceu no último Consello Forestal. A maiores, tamén está en proceso de remate un convenio cun monte de varas na montaña oriental de Lugo e outros cinco con particulares.

Os convenios cancelados ou en fase de peche representan algo máis de 4.000 hectáreas, que deixarán de estar xestionadas pola Administración para pasar o seu manexo ós titulares dos montes. A provincia de Lugo é a que máis acordos ten resoltos ou en proceso de resolución, con 18 (7 na Fonsagrada – Ancares, 4 na Terra Cha, 3 en Lugo – Sarria, 2 na Mariña lucense e 2 en Terra de Lemos).

En Pontevedra son 8 (3 no Condado – Paradanta, 3 en Vigo – Baixo Miño e 2 en Caldas – Salnés), en tanto os 2 restantes corresponden á provincia da Coruña (Ferrol e Santiago – Meseta Interior).

A Administración viña xestionando arredor de 300.000 hectáreas de montes veciñais por medio de convenios coas comunidades. Eses convenios extinguiranse por completo antes do fin do 2021, tendo a Xunta previsto ofrecerlle a parte dos montes veciñais un contrato de xestión que sustituirá eses convenios. É unha posibilidade que a Administración reserva para montes descapitalizados, pouco produtivos ou sen capacidade de xestión, pois o obxectivo de Medio Rural é desfacerse alomenos dun terzo dos montes conveniados durante a próxima década.

O sector forestal xa ten pedido en reiteradas ocasións que todas as extincións de convenios se fagan ou ben por solicitude da propiedade, como está a ser o caso das cancelacións do 2019, ou por consenso entre as partes, previo acordo entre cada comunidade e a Administración.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información