A Xunta reforzará a investigación de incendios forestais cunha unidade específica

O Consello Forestal aborda o Plan de Defensa contra Incendios Forestais 2021, que contará cun operativo de 7.000 persoas, unha trintena de unidades aéreas e máis de 378 motobombas. Crearase unha nova base áerea interfronteriza en Verín e un centro de estudo do lume en Toén

A Xunta reforzará a investigación de incendios forestais cunha unidade específica

Lume na provincia de Ourense. / Arquivo.

O Plan de Defensa contra Incendios Forestais (Pladiga) 2021 vén de ser analizado no Consello Forestal, antes da súa aprobación definitiva no Consello da Xunta. Entre as novidades deste ano, o Pladiga prevé crear unha unidade específica para investigar os incendios forestais. Estará dotada con 15 axentes ambientais e adicarase en exclusiva á investigación, pois non participará en traballos de extinción.

Outra das novidades é que Medio Rural calculará a partir de agora os custos de extinción de cada incendio, a fin de que se poidan reclamar xudicialmente eses custos nos casos nos que se localice á persoa que prendeu o lume.

Operativos de extinción
Galicia contará este ano con máis de 7.000 persoas adicadas a tarefas de extinción, contabilizando o persoal propio da Xunta e o doutras administracións. É unha cifra similar a exercicios anteriores, segundo sinala a Consellería de Medio Rural.

En medios materiais, o número total de medios aéreos ronda a trintena, sumando os da Xunta e os do Estado. Esta campaña, Medio Rural incorpora dous novos helicópteros lixeiros e catro brigadas helitransportadas. En terra, haberá 378 motobombas, sumando as da Xunta e as dos Concellos.

O conselleiro de Medio Rural, José González, avanzou tamén que este ano, o persoal que intervén no incendio, terá acceso en tempo real a toda a información operativa do lume: punto de inicio e evolución, recursos asignados, puntos de auga próximos, cartografía, datos meteorolóxicos, descargas dos medios aéreos etc. Unha vez realizadas as xornadas de formación específicas para o uso desta funcionalidade, a súa utilización estenderase a todo o operativo.

Ao tempo, dentro das novidades do Pladiga reforzarase e consolidarase a rede de vixilancia con cámaras de última xeración. Así, este ano instalaranse 22 novos dispositivos, o que permitirá dispoñer xa de 142 cámaras en toda Galicia, localizadas en 71 puntos estratéxicos, con especial atención ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria e ás zonas de Alto Risco de Incendios. Ata o de agora, as cámaras instaladas permitían cubrir o 60% do territorio galego e con estas incorporacións chegarase a abarcar unha porcentaxe aproximada do 70%.

Novas instalacións en Ourense
Outra mellora na loita fronte os incendios posta en valor polo conselleiro será a creación do novo Centro integral para a loita contra o lume, que se situará na localidade ourensá de Toén. Trátase, dixo González, dun verdadeiro “Campus Forestal” que contará cos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios e salientou que a Xunta vén de recibir o respaldo do Parlamento para a súa posta en marcha.

Ademais, o titular de Medio Rural lembrou a próxima creación, no sur de Ourense, dunha moderna base de medios aéreos, que suporá un investimento de máis de 9 millóns de euros. Estas instalacións enmárcanse no proxecto transfronteirizo Interlumes, que permitirá dotar a esta área -unha das máis afectadas pola actividade incendiaria- dunhas modernas instalacións para a anticipación aos incendios, mellorando tempos de resposta e optimizando os recursos na loita contra o lume.

Plans de formación
O Pladiga inclúe catro programas de formacón, dous para o persoal da Xunta , outro para o dos concellos e un cuarto para a sociedade do rural. Entre as accións previstas están 31 cursos, en modalidade presencial, telemática ou mixta, para os profesionais da Xunta, 40 iniciativas relacionadas coa seguridade laboral, cos grandes incendios e lumes de interface ou co manexo de equipamentos de traballo, para este mesmo persoal, a formación eminentemente práctica para os traballadores adscritos aos concellos e accións de concienciación cara a poboación rural, así como formación en materia de auto protección fronte o lume.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información